LUGO, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -
A Facultade de Humanidades de Lugo impartirá o posgrao de Servizos Culturais o vindeiro curso 2006-07 no marco dos nove Programas Oficiais de Posgrao (POP que a Universidade de Santiago (USC) porá en marcha e cos que dá un paso a prol do pleno desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) por ser estes os estudos que conducirán á obtención dos títulos de Máster e Doutor.
O POP de Servizos Culturais fou presentado hoxe en roda de prensa nun acto celebrado no Salón de Actos da Facultade de Humanidades de Lugo. Na presentación participaron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano de Humanidades e coordinador do Programa, Alexandre Veiga; e as profesoras membros do comité de redacción deste POP, Mar Campos Souto e Ana Chouciño.
Os participantes na presentación destacaron o "elevado protagonismo" da industria cultural no actual contexto socio-histórico "un sector en auxe debido ás políticas desenvolvidas que consolidan a cultura como un eido privilexiado do consenso social", sinalou Carlos Herrero.
O Programa Oficial de Posgrao en Servizos Culturais, segundo os seus responsables, permitirá a formación de profesionais que actúen de mediadores entre a creación, a participación e o consumo cultural, así como especialistas en converter o tempo de lecer nun espazo para a formación continua.
O POP en Servizos Culturais está dirixido a titulados en Humanidades, Filoloxía, Historia, Historia da Arte, Filosofía, Antropoloxía, Maxisterio, Socioloxía, Biblioteconomía e Documentación, Empresariais e Relacións Laborais. Este programa ten como obxectivos formar a especialistas de alto nivel na análise das diversas manifestacións culturais, así como na xestión e programación de actividades e proxectos culturais especializados e xeneralistas.
ESTRUTURA DOS ESTUDOS
Os alumnos inscritos neste programa, que se poderá cursar en modalidade presencial e virtual, ao superar 120 créditos ECTS obterán o título oficial de Máster en Servizos Culturais, con validez en todo o territorio nacional, e que permite o acceso ao Doutoramento no mesmo eido.
O Máster estrúturase en dous cursos académicos con catro módulo temáticos dedicados a Programación cultural e desenvolvemento local, Formación para a sociedade multicultural, Recuperación da memoria histórico-cultural e Servizos Lingüístico.
Este conxunto teórico completarase cun Practicum obrigatorio, de seis créditos, que consistirá no desenvolvemento de prácticas en institucións públicas, semipúblicas ou privadas.
Ademais, os estudantes que acrediten unha traxectoria profesional sólida neste campo terán que deseñar un proxecto ou realizar tarefas de inicio de investigación. O Programa ofrece un total de 40 prazas que se adxudicarán atendendo ao expediente académico do grao ou titulación de acceso.