Feijóo móstrase "absolutamente optimista" para concretar "antes de outono" Punta Langosteira como base de Pemex

Alberto Núñez Feijóo comparecerá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos t
XUNTA/CONCHI PAZ
Actualizado: domingo, 24 junio 2012 20:30

En seis semanas haberá "unha aproximación moi definitiva" de capitalización de NGB, e ve á Xunta "única aliada" de afectados por preferentes


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "absolutamente optimista" de que a empresa petroleira mexicana Pemex "concrete antes de outono deste ano" a súa instalación no porto exterior de A Coruña como base loxística en Europa.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, que recolle Europa Press, Núñez Feijóo referiuse á "transcendencia importantísima" de que se consume a instalación de Pemex en Punta Langosteira, e poder, mesmo, o"facer antes de que o porto remate as obras".

Tras apuntar que a construción de buques suporá unha inversión de 500 millóns de euros e 3.000 empregos directos en función dos acordos con Pemex, referiuse á posibilidade da instalación da base da petroleira mexicana no porto de A Coruña, para remarcar que: "Temos un acordo estratéxico con Pemex e, por suposto, temos que ser prudentes".

"Hai acordos confidenciais, conversacións iniciadas, e eu creo que o que temos que facer é seguir traballando, concretar, contratar, construír e, unha vez anunciados os acordos iniciais, ser prudentes para que ninguén imposibilite a súa consecución", subliñou.

PEMEX VIRÁ A PRIMEIRA SEMANA DE XULLO

Esta mesma semana, o presidente da Xunta xa apuntara que na primeira quincena de xullo virá a Galicia unha delegación de Pemex para pechar o acordo sobre prazos e características técnicas dos remolcadores que se van construír, pero este domingo concretou que será "na primeira semana" do próximo mes, e se fará en dúas xornadas.

Preguntado sobre se está asegurada a construción de remolcadores en Galicia para Pemex ante informacións que achegan dúbidas sobre esta cuestión, Feijóo garantiu que os contratos se van levar a cabo.

"Haberá intoxicacións mediáticas interesadas, haberá países europeos que lles gustaría ter a posibilidade destes contratos e creo que nós o que temos que seguir facendo é seguir xogando o partido", remarcou, para engadir que "neste momento a pelota está nas empresas, nos estaleiros, no sector naval".

BUQUES QUIMIQUEROS E NAVANTIA

No tocante aos dous buques quimiqueros que ten previsto encargar a petroleira mexicana Pemex, Feijóo remarcou que "Navantia ten unha enorme posibilidade de facerse con ese contrato", e apunta que "a pelota está no campo de xogo" desta empresa pública.

"Espero que no mes de xullo poidamos concretar o alcance e contido deste posible pedido e que Navantia teña nas bancadas un pedido para o verán", avanzou Feijóo para advertir que espera que a SEPI "faga o seu traballo" e "concrete algunhas propostas adicionais".

"O difícil sempre é ter pedidos, o doado é concretalos. O primeiro, témolo superado, haberá unha solicitude formal vinculante para facer dous barco quimiqueros nos estaleiros públicos de Navantia", destacou.

Ademais, mostrouse "razoablemente optimista" para que o estaleiro ferrolano poida obter algunha outra oferta da Armada doutros países.

CAPITALIZACIÓN APROXIMADA DE NGB EN SEIS SEMANAS

Noutra orde de cousas, o líder do Executivo autonómico referiuse á "prioridade" da capitalización de Novagalicia Banco, e apuntou sobre esta que haberá "unha aproximación moi definitiva" nun "período de seis semanas".

Así mesmo, reiterou que haberá comisión de investigación sobre a xestión das antigas caixas de aforro galegas cando se teña "a concreción da capitalización", e comparecerán no Parlamento "as distintas persoas tiveron responsabilidades nos últimos anos de xestión da caixas".

"Galicia ten dereito a saber por que unhas caixas que estaban fortes ao final acreditaron tiñan uns balances descadrados e uns activos mal valorados que deron lugar a un enorme problema de crédito na Comunidade autónoma, e como Galicia ten dereito, Galicia exercerá ese dereito a través do Parlamento", asegurou.

Sobre as participacións preferentes e a preguntas sobre as declaracións do copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela, nas que asegurou que os afectados adquiriran estes produtos a sabendas, Feijóo sostivo que "os únicos aliados que teñen os afectados é a Xunta".

No tocante á obra social das antigas caixas, afirmou que "é necesario facer unha nova lei e declarala fundación de carácter especial", coa que se producirán os consecuentes "relevos".

AVE

Por outra banda, sobre os prazos da chegada do AVE a Galicia, Núñez Feijóo mostrouse convencido de que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, "cumprirá o seu compromiso".

"Entendemos que tecnicamente o AVE é difícil que chegue antes do ano 2018. Se o presidente Rajoy mantén esa data, a Xunta de Galicia verá cumpridos os seus obxectivos", aclarou.

Ademais, defendeu a actuación nesta materia do actual Executivo central, pois en seis meses "se adxudicaron ou licitaron 2.000 millóns de euros".