Finaliza con éxito o obradoiro de interpretación impartido por Mariano Barroso

Actualizado: domingo, 7 mayo 2006 13:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 May. (EUROPA PRESS) -

O obradoiro de interpretación impartido por Mariano Barroso, organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE clausúrase hoxe en Santiago. Para o mesmo recibíronse preto de 70 solicitudes de inscrición, aínda que só se ofertaban 16 prazas.

A selección dos alumnos fíxose tendo en conta os criterios descritos na convocatoria e os obxectivos deste curso, que está dirixido a actores, aos que se dotará de técnicas coa finalidade de que se desenvolvan mellor diante da cámara.

O curso, de marcado carácter práctico, inaugurouse o pasado 2 de maio e desenvolveuse ao longo desta semana na sede da Fundación AISGE, sumando un total de 24 horas lectivas. As sesións, que contaron cunha activa participación por parte do alumnado -actores profesionais galegos- tiveron lugar de martes a domingo, de 10.30 a 14.30.

O curso foi impartido por Mariano Barroso, director de cine, de recoñecido prestixio, autor de películas como: Mi hermano del alma, Éxtasis, Los lobos de Washington ou Hormigas en la boca; que ademais imparte clases regularmente en diversos centros de España e Latinoamérica (ECAM, UIMP, EICTV).

Coa realización deste curso séguese a traballar no plan de formación actoral, no marco do cal xa se desenvolveron distintos cursos -curso de inglés audiovisual, curso de voz, curso de dobraxe-. Este plan continuará con novas edicións dos cursos que gozaron de grande éxito, así como de novos programas, que pretenden cubrir as necesidades formativas dos intérpretes galegos.

Para o desenvolvemento deste plan, Consorcio e Fundación asinaron un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ámbalas dúas partes, de todos os cursos e talleres contemplados no mesmo e que foron organizados conxuntamente polo Consorcio e a Fundación. Está prevista a renovación do citado convenio para este ano 2006, no que se continuará a traballar para ofertar cursos de calidade e interese.

Esta formación actoral enmárcase dentro do Plan de Formación do Consorcio Audiovisual de Galicia, que responde a unha necesidade de formación do sector audiovisual, non cuberta polo ensino regrado, para a mellora da capacitación profesional e a incorporación inmediata dos profesionais galegos do audiovisual ao mercado laboral.

Este plan consta de distintas accións formativas que se levan a cabo grazas ao asinamento de distintos convenios de colaboración coas institucións máis importantes do sector audiovisual a nivel autonómico e estatal para dar formación nos sectores nas que estas son punteiras e que en Galicia non existen ou non están desenvolvidos. Céntrase en catro grandes grupos de colectivos de profesionais: produtores, guionistas, directores e técnicos, actores e especialistas en mercados exteriores.