A Fundación Curros Enríquez aproba un orzamento anual de 61.000 euros

Actualizado: domingo, 11 junio 2006 13:13

Tentará traballar na promoción da Ruta Currosiana, o Centenario da RAG e no proxecto do congreso sobre Celso Emilio Ferreiro

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Padroado da Fundación Curros Enríquez acordou aprobar un orzamento anual de 61.000 euros que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais como o Concello de Celanova, a Deputación Provincial, a Consellería de Cultura, a Consellería de Educación, Caixanova e Caixa Galicia.

Mentres, aqueloutros patróns que non aportan cantidades concretas ó orzamento ordinario da Fundación como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e as tres Universidades galegas se comprometen a colaborar na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova.

Ademais de acordar a adquisición dun primeiro lote de libros para empezar a conformar a biblioteca da Casa e tratar de conseguir a biblioteca máis completa sobre a abondosa bibliografía existente sobre Celanova, a súa historia e os seus autores, e que na medida na que vaia conseguindo fondos documentais empezará a ofrecer servicio de préstamo, o Padroado da Fundación debateu sobre un ambicioso programa de actividades que vai máis alá dun mero programa anual e que pretende servir de guión de traballo para o funcionamento continuo da entidade.

Entre as actividades nas que xa está a traballar destaca a promoción da Ruta Currosiana entre os centros escolares de todo Galicia, e que se iniciará na próxima semana coa celebración dun acto en plena Ruta, no lugar de Einibó, por parte dos alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Celanova, que farán unha reinterpretación fotográfica do poema "Unha boda en Einibó" nunha carballeira que hai ó carón da Ruta.

Esta actividade pretende que sirva de base para que os escolares galegos se acheguen á poesía do autor de "Aires da miña terra" dende unha perspectiva lúdica e atractiva, na liña do traballo que nos anos 20 realizou o fotógrafo pontevedrés Joaquín Pintos sobre o poema da "Virxe do Cristal" e cuxas imaxes conserva o Museo Arqueolóxico de Pontevedra, quen acaba de asinar un convenio recentemetne coa Fundación para que unha copia das mesas pasen a formar parte dos fondos fotográficos da Casa dos Poetas.

Por outra banda, a Fundación conta xa cunha páxina web www.currosenriquez.com que irá sendo enriquecida con nova información a medida que esta se vaia producindo e os traballos de investigación que se realicen sobre os autores de Celanova vaian sendo publicados, tendo aprobado tamén a edición dun boletín informativo que levará como título "A horta da palabra", tomando o nome co que no seu día bautizou o poeta Luis González Tosar á horta da Casa.

Para empezar a levar a cabo este proxecto, na liña de conseguir que a Casa dos Poetas sexa un referente para a xente nova, tratarase de implicar ós estudiantes de xornalismo de Celanova para que, ó mesmo tempo que poidan realizar prácticas de redacción e edición, coñezan dende unha dimensión máis cercana ós autores de Celanova, moitos deles verdadeiros mestres no eido do xornalismo, como é o caso do propio Curros Enríquez ou de Celso Emilio Ferreiro.

RETOMAR O CONGRESO DE CELSO EMILIO FERREIRO

Outro dos acordos acadados polo Padroado da Fundación foi o de retomar o vello proxecto de organizar, en colaboración co Consello da Cultura Galega e as tres Universidades galegas, o Congreso sobre Celso Emilio Ferreiro que se proxectou con motivo da conmemoración do 25 cabodano do autor de "Longa noite de pedra" e que se foi adiando en canto a casa non estivo aberta ó público.

Así mesmo, a Fundación tamén levará a cabo uns contactos directos coa Real Academia Galega para concretar cal será a exposición -das catro que ten previsto organizar a institución da lingua- sobre os cen anos da Academia que será montada en Celanova.

Con este motivo e co fin de facer efectivo un acordo anterior do Padroado da Fundación e o compromiso que naquel momento tamén fixo efectivo o presidente da Deputación, tratarase de reactiva o Premio bianual de poesía Celso Emilio Ferreiro que organizaron nunha soa edición a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Vigo e que lle foi concedido ó xa falecido poeta portugues Eugénio de Andrade.

SACAR POEMAS Á RÚA

Finalmente, nos próximos meses tamén abordará a edición dunha guía literaria sobre Celanova en base a unha axuda económica concedida pola Dirección General de Promoción e Difusión Cultural do Ministerio de Cultura, así como na paulatina transformación de Celanova nunha vila realmente literaria pondo a andar un vello proxecto de sacar os poemas cos que os autores de Celanova cantaron á súa terra natal á rúa.

Para iso, instalaranse pequenos paneis con fragmentos deses poemas en distintos recantos do casco urbano de forma que calquera paseante ou visitante poida achegarse ás obras dos poetas celanovenses co simple exercicio dun paseo, creando así un roteiro urbano-literario por lugares como a "Calle Arriba", a Pedra da Moa, o vello Mosteiro ou a Alameda, que forman parte indeleble dos libros de Curros, Celso Emilio ou Castor Elices.