Investigadores de fóra de Galicia poden optar a participar como bolseiros nos proxectos do Centro 'Ramón Piñeiro'

Actualizado: miércoles, 12 abril 2006 18:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aprobou as bases para o concurso público de doce bolsas de estadías para investigadores de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, unha vez resolta a convocatoria os bolseiros poderán participar durante sete meses en proxectos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Esta convocatoria de bolsas forma parte do plan de actividades de Política Lingüistica para este ano. As bases deste concurso público foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 7 de abril, data a partir da cal os interesados terán un prazo de 40 días naturais para a presentación das solicitudes.

Segundo informou hoxe o devandito departamento autonómico, as bolsas están destinadas a licenciados e licenciadas ou estudantes dos dous últimos anos de carreira universitaria que pertenzan a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, ou a centros de investigación de carácter público. Os proxectos de investigación para os que se conceden as bolsas versarán sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas.

Os investigadores terán unha asignación mensual de 700 euros, ademáis dun seguro de asistencia médica e accidentes. As bolsas son incompatibles con outro tipo de axudas que se enmarquen dentro do mesmo plan de traballo. O período para a realización dos proxectos será dun mínimo de dous meses e dun máximo de sete. O tempo hábil de duración da bolsa remata o 31 de decembro de 2006.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, nomeará unha Comisión de Valoración, presidida polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, para estudar as solicitudes presentadas. A comisión encargarase de realizar os respectivos informes sobre os candidatos seleccionados e os suplentes para a súa proposta á Secretaría Xeral.