Isaac Díaz Pardo recibirá o venres a medalla e o pergamino de presidente de honra do Pedrón de Ouro

Actualizado: miércoles, 26 julio 2006 13:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

O próximo venres 28 de xullo o Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro entregará a Isaac Díaz Pardo a medalla e o pergamino que o acreditan como presidente de honra da entidade, nun acto que se desenvolverá no auditorio do Museo do Pobo Galego ás 20.00 horas.

Durante o acto de entrega proxectarase unha montaxe audiovisual coa biografía en imaxes de Díaz Pardo desde a súa nenez na Casa da Tumbona e o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, ata hoxe e actuará o cantautor Miro Casabella.

O acto principiará cunha intervención do director do Seminario de Tecnoloxía de Sargadelos e colaborador de Díaz Pardo desde a posta en funcionamento da planta de cerámica, Andrés Varela.

Antes do peche a cargo do presidente do Padroado, Avelino Abuín de Tembra, intervirán tamén a escritora e profesora Carme Blanco, coordenadora da revista 'Unión Libre', e Andrés Fernández-Albalat, membro, xunto con Díaz Pardo e Luis Seoane, do Laboratorio de Formas.