Kalandraka introduce no mercado editorial xaponés un libro infantil sobre a terceira idade

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 11 marzo 2006 14:35

PONTEVEDRA 11, (EUROPA PRESS)

O álbume infantil titulado "Avós", editado por Kalandraka, traducirase ao xaponés. Escrito por Chema Heras e ilustrado por Rosa Osuna, esta obra aborda a naturalidade coa que unha parella de anciáns afronta as evidencias da idade. A traductora ao xaponés do texto é a xornalista Maki Fukuhara, especializada no eido médico.

Un dos aspectos do libro máis valorados por Maki Fukuhara é o efecto de "tranquilidade, recuperación da forza para vivir e capacidade de comunicación" que produce. A terapia de "rememoración" que tamén se pode realizar con esta obra "estimula os sentimentos, fai recuperar a expresión e aliviar as preocupacións", segundo esta experta.

Unha das inquedanzas que Maki Fukuhara pretende sacar á luz coa edición de "Avós" en xaponés é "tomar medidas contra a depresión xeriátrica", unha enfermidade que en Xapón ten una elevada incidencia nos anciáns e que "está aumentando de un a seis por cento na poboación", nun país con máis de 120 millóns de habitantes.

Kalandraka vén de facer unha nova edición deste libro, no que Chema Heras -docente nun centro educativo de Cambados- se vale dun texto poético para relatar a actitude vital e exemplar coa que os protagonistas enfocan a súa madurez. As ilustracións sinxelas e expresivas de Rosa Osuna acentúan o lirismo da obra, que no ano 2003 foi galardoada co Premio Llibreter polo Gremio de Libreiros de Cataluña.

"Avós" tamén é un dos elementos representados na obra de teatro "Un avó especial", creada polo grupo Migallas por encargo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (Afapo). O espectáculo dramático, que se representou en Pontevedra e Moraña, baséase en experiencias reais que recrean os primeiros efectos da enfermidade nun ancián.

Carlos Yus, de Migallas Teatro, explica que na última escea da obra un avó e maila súa neta fan os seus respectivos deberes: "A nena traballa nas tarefas escolares e o avó practica as ferramentas de estimulación da memoria que aprende no centro de día ao que vai mentres a súa neta lle amosa o libro de Avós".

Precisamente, Afapo acaba de clausurar en Pontevedra o 'I Simposio Galego sobre a enfermidade e o enfermo de Alzheimer e outras demencias', co que este colectivo divulgou aspectos sociais, médicos e asistenciais relacionados cunha doenza sobre a que aínda hai moito descoñecemento.

Contenido patrocinado