SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jun. (EUROPA PRESS) -
A localidade de Lalín acollerá este sábado o II Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos, que pretende ser un espazo onde compartir as experiencias e as actividades que se están a desenvolver nos distitos concellos galegos a través dunha iniciativa de educación ambiental que promove Adega.
O Proxecto Ríos, que está financiado por Vicepresidencia e a Consellería de Medio Rural, é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza ou "adopción" do río que pasa polo seu municipio ou localidade.
A coordenadora do Proxecto Ríos e membro de Adega, Virginia Rodríguez, e o técinco de Medio Ambiente do Concello de Lalín, Xosé Manuel Méndez, presentaron hoxe en Santiago este encontro, que terá lugar no auditorio do devandito municipio pontevedrés. A xornada desenvólvese despois de que 150 grupos de voluntarios en toda Galicia teñan realizado inspeccións na campaña de primavera, que transcurriu do 15 de maio a o 1 de xuño.
Tras a recepción de participantes, sobre as dez e media da mañá do sábado, a sesión inaugural correrá a cargo do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e da coordenadora do Proxecto Ríos, Virginia Rodríguez; para continuar coa conferencia 'A flora e a vexetación dos ríos da Galicia', a cargo de Xabier Amigo, do Laboratorio de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Virginia Rodríguez salientou hoxe que para as doce do mediodía están programadas as presentacións de experiencias, de comunicacións e de audiovisuais. O encontro se completará cun xantar popular e, xa pola tarde, cun roteiro por un río do Concello de Lalín.
Pola súa banda, o técnico de Medio Ambiente de Lalín agradeceu a Adega o permitirlle participar neste proxecto e felicitou á organización pola súa labor de "concienciación social" a prol dos ríos. Segundo dixo, ainda que Galicia é coñecida como a terra dos mil ríos, estos están "moi pouco valorados".
INFORMES SOBRE OS RÍOS GALEGOS
O Proxecto Ríos abrangue toda Galicia, e dentro dela, calquera río de certa entidade que discorra nalgún dos seus treitos polo seu territorio. Trátase dunha iniciativa de educación ambiental que está aberta a calquera persoa ou colectivo que asuma o compromiso de levalo adiante.
A coordenadora do Proxecto Ríos explicou que os voluntarios que participan nesta iniciativa de educación ambiental reciben material para realizar inspeccións en determinados treitos dun río --un escollido libremente e outro recomendado--, para que o coñezan, o analicen e que sirva como espazo lúdico.
Engadiu que estas inspeccións, que se realizan en dúas campañas --unha en primavera e outra en outono--, sirven para que Adega elabore informes anuais de tipo cualitativo. Virginia Rodríguez puntaulizou que "o obxectivo non é un estudo riguroso do estado dos ríos, senon achegar aos cidadáns a estes espazos".
Segundo a coordinadora do proxecto, o estado dos ríos é en xeral "bo", ainda que alertou de que se atopan nas súas ribeiras "moitísimos refugallo". Sobre a calidade das augas, advertiu de que non é o obxecto das inspeccións, aínda que determinou que o estado "non é de todo malo".
Xunto ás inspeccións e ao encontro que terá lugar o sábado en Lalín, o Proxecto Ríos inclúe este ano o I encontro itinerante Interríos que terá lugar do 14 ao 23 de xullo. Segundo explicou Virginia Rodríguez, en xullo terá lugar un campamento itinerante no que participarán voluntarios de 18 a 30 anos de Galicia, Portugal e Cataluña.