Leiceaga afirma que o Plan de Transporte Comarcal achegará melloras no servizo e a redución nos prezos do billete

O Concello de Santiago espera que o plan esté en marcha "antes do verán" e poder ir incorporando avances como o uso do billete único

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 10 febrero 2006 17:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

O concelleiro de Transportes de Santiago de Compostela, Xaquín Fernández Leiceaga, apuntou hoxe que Plan de Transporte Comarcal que está previsto firma próximamente entre Xunta e municipios da área compostelá supón "un punto de partida" para seguir avanzando, ainda que salientou que achegará melloras no servizo e a redución nos prezos do billete.

O Concello de Santiago someterá o vindeiros xoves á aprobación do pleno municipal o convenio para o desenvolvemento do transporte metropolitano na área de Compostela. A posta en funcionamento do transporte metropolitano comarcal, que implicará novidosas melloras para o usuario, podería completarse antes do verán.

Segundo explicou Leiceaga, trátase dun plan de transporte "case idéntico" ao xa aprobado polo Concello de Santiago en 2005, aínda que incorpora avances principalmente "no deseño das penetracións na cidade e das paradas, dotación de infraestructuras e novos servizos así coma das tarifas".

Leiceaga considera que esta vez o plan está "máis maduro", ainda que puntualizou para Santiago significa "un paso aceptable e a base de partida" para desenvolver outras cuestións, como a posta en marcha dun billete único, o solapamento de liñas e un menor coste do servizo.

En calquer caso, salientou que os beneficiarios desta actuación, que deberá ser aínda autorizada polo Consello da Xunta para a súa posterior firma, serán os cidadáns de Santiago e da súa área metropolitana. "Co bono do transporte os usuarios terán unha tarifa de 0,67 euros por viaxe de xeito que a diferenza con respecto ao prezo actual será asumida pola administración autonómica e polos concellos afectados", afirmou. Con esta medida o transporte público faise "máis asequible para os cidadáns" fronte ao uso do transporte privado encarecido, nos últimos tempos, pola suba do prezo do petróleo. En principio, o sistema que se empregará é o dunha tarxeta monedeiro con un importe mínimo para usar nos traxectos entre os concellos limítrofes e Santiago, xa que unha vez na capital galega os usuarios deberán facer uso dos billetes ou bonos do transporte urbano.

ENTRADA ATA A ROSA

Este Plan de Transporte Comarcal permitirá o acceso ata o centro da cidade, concretamente, á rúa da Rosa, das liñas procedentes de Os Ánxeles, Milladoiro, Sigüeiro, Pontevea, A Ramallosa e Cacheiras. No que respecta ao corredor de Pontevea, A Ramallosa e Cacheiras, o concelleiro destacou que se prestará "un servizo cada media hora" e que, é neste corredor, "onde se vai percibir con maior nitidez a mellora do transporte".

Todas estas conexión terán como cabeceira a rúa da Rosa o que, segundo explicou o concelleiro de Transportes de Santiago, "non vai supoñer alteracións no tráfico da zona". Nembargantes, o Concello ten previsto ordenar as paradas e ofrecer información aos usuarios neste punto, ademais de estudiar a posibilidade de colocar marquesiñas.

Asemade, o Concello de Santiago prevé instalar 10 marquesiñas nas zonas como Sigüeiro, Santa Lucía, Marrocos, Villestro e San Vicente de Marantes. Tódalas actuacións que se realicen ao respecto buscarán que "o servizo se desenvolva dun xeito ordenado e coordinado".

EN MARCHA ANTES DO VERÁN

Unha vez que os correspondentes plenos municipais dos municipios afectados aproben o Plan de Transporte metropolitano na área de Santiago, deberá ser aprobado polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia. A partir da súa aprobación por este órgano cóntase cun prazo de tres meses para implantalo, polo que Leiceaga espera que "estea en marcha antes do verán".

Unha vez cos novos servizos en funcionamento analizarase a posibilidade de introducir melloras, xa que Leiceaga reiterou que dende o Concello de Santiago considérase que "este plan é un punto de partida e non de chegada". Unha proba desto é que unha vez que as novas liñas empecen a funcionar e se teña unha estimación dos usuarios do transporte metropolitano e o urbano, estudarase a posibilidade de introducir o billete único.

O concelleiro de Trasnportes anunciou que en canto se aprobe o Plan o Concello de Santiago realizará unha campaña informativa a divulgar as vantaxes do Plan Comarcal de Transportes.

Contenido patrocinado