Letras Galegas.- O CCG presenta o multimedia interactivo 'Lugrís Freire e a alba do Século XX'

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 20:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 May. (EUROPA PRESS) -

Co gallo do Día das Letras Galegas 2006, Culturagalega.org, o portal de divulgación do Consello da Cultura Galega (CCG), presenta o especial multimedia interactivo 'Lugrís Freire e a alba do Século XX'.

Este especial traslada virtualmente ao internauta a dúas cidades moi vinculadas á vida de Lugrís Freire: A Habana e A Coruña. A través de infográficos, fotogalerías, textos históricos, música da época e fichas de persoeiros, o usuario pode introducirse no ambiente de efervescencia cultural e política de Galicia e a súa diáspora a principios do Século XX e mesmo pode conseguir virtualmente nun quiosco xornais da época para pórse ao día cos acontecementos.

'Lugrís Freire e a Alba do Século XX' tamén permite coñecer en profundidade o perfil do homenaxeado deste ano a través dunha biografía, de información sobre o seu perfil literario, e escoitar unha gravación inédita dunha conferencia en Bos Aires de Ramón Suárez Picallo sobre a súa relevancia na cultura e democracia de Galicia.

Unha liña do tempo que percorre a historia de fin do XIX e princpios do século XX completa a dimensión histórica do material. Na produción deste especial de culturagalega.org participaron o Arquivo da Emigración Galega e as Seccións de Literatura e Industrias da Edición e de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O enderezo para consultar o especial é www.culturagalega.org.

ALBUM DE MULLERES

Ao mesmo tempo, culturagalega.org tamén publica unha programación especial do seu Album das Mulleres, o sitio especial dirixido a recuperar a memoria da muller en Galicia promovido pola Comisión Técnica de Xénero.

Co gallo do Día das Letras as profesoras Rosario Alvarez e Helena González analizan o papel da muller na Real Academia Galega (RAG) e nas homenaxeadas no Día das Letras. A poeta e xornalista Ana Romaní fixo unha escolma sonora de voces clásicas e contemporáneas da poesía.

Contenido patrocinado