Letras Galegas.- Numerosas personalidades asisten en Sada (A Coruña) ao acto de homenaxe a Manuel Lugrís

Actualizado: miércoles, 17 mayo 2006 14:50

SADA (A CORUÑA), 17 May. (EUROPA PRESS) -

Numerosas personalidades asisten en Sada (A Coruña) á sesión plenaria da Real Academia Galega (RAG) coa que celebra hoxe oficialmente o Día das Letras Galegas de 2006. O acto deu comezo á hora prevista coa intervención do presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, e coa lectura do acordo de homenaxe a Manuel Lugris.

O Auditorio Museo Carlos Maside, en Sada, acolle desde as doce e media de hoxe a sesión plenaria extraordinaria e pública coa que a Academia conmemora a data adicada á literatura e lingua galega.

O secretario da Real Academia, Manuel González, deu lectura ao acordo do plenario da institución que, reunido o pasado 2 de xullo de 2005 na Coruña en sesión ordinaria, decidiu dedicar o 'Día das Letras Galegas de 2006' a Manuel Lugrís Freire pola súa contribución en defensa do idioma galego.

Na sesión de hoxe está presente o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e outros membros do goberno galego, como a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; así como do mundo da cultura e doutros ámbitos.

Tras a apertura do acto, terán lugar as intervencións dos académicos Xosé Luis Axeitos Agrelo, Xosé Neira Vilas e Xesús Ferro Ruibal, para que sexa o presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, o que peche o acto.