Letras Galegas.- O presidente da RAG esixe á Xunta que "asuma" o seu papel para resolver a situación "crítica" da lingua

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 18:29

Touriño admite "problemas de importancia" na normalización do galego, pero promete "impulsar ao máximo" as medidas incluidas no plan xeral

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro Fernández, recordou hoxe á Xunta que a normalización da lingua é unha "decisión que ten que tomar o presidente e o Goberno", aos que demandou que "asuman" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) se queren "chegar a tempo" para reconducir unha situación que cualificou de "crítica".

Na súa intervención na celebración do Día das Letras Galegas na Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón (A Coruña), Barreiro aproveitou a presencia do mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, para advertirlle de que, "para botar a andar", a aplicación deste plan "necesita vontade política e recursos". "E a decisión ten que ser do presidente e do Goberno", insistiu.

Así, demandou ao bipartito que "asuma ese plan" para reconducir unha realidade "extrema", na que o galego "pasa por un momento crítico". "Non debemos esquencelo, a pesar do momento espléndido da literatura ou de que nas últimas décadas gañase espacios antes impensables, como a universidade", sentenciou.

O responsable da RAG incidiu en que o idioma "está ferido" e engadiu que esta situación se agrava especialmente no caso da mocidade, pese a ser, teoricamente, "quen debe garantir o futuro". Neste senso, recordou que a "desgaleguización" se produciu, entre outros factores, polo "trasbordo" do rural ao urbano, onde "todo estaba en castelán".

Ao respecto, Barreiro declarou que "por moita intención que se teña de ser fiel á lingua, ante tantas dificultades" en eidos tan importantes coma o xurídico, o educativo, o burocrático ou o sanitario, "ao un final sucumbe". Por iso, considerou que, xa que "non se pode invertir o proceso" de abandono do medio rural, a Administración debe garantir o impulso e a defensa do galego.

"Apelo ao presidente", declarou ante Touriño, a quen recordou que "hai un Plan de Normalización aprobado por unanimidade. Non importa cando se fixo, todos participaron nel e está preparado". "Pero é necesaria vontade política e recursos para botalo a andar", engadiu, tralo que recalcou que "a decisión ten que ser do presidente e do Goberno".

DIAGNÓSTICO DO PRESIDENTE

Pola súa banda, o presidente da Xunta amosouse "consciente" de que a comunidade "aínda está lonxe de acadar os niveis de normalidade" que o galego necesita, posto que "hai problemas de gran importancia" que impiden "considerar pechado" o proceso. Así, admitiu "dificultades concretas" que hai que "avaliar, pero non para botarlle a culpa a ninguén, senón para tratar de corrixilas".

Ao respecto, comprometeu a "plena vontade" do seu Goberno por "impulsar ao máximo o cumplimento, a vixencia e a potencia" do Plan de Normalización que, según el, "fará posible que o Goberno leve adiante as xa anunciadas e moi importantes iniciativas" incluídas.

Con todo, Touriño aproveitou para engadir que os discursos "estreita e pechadamente negativos e pesimistas non axudan a mellorar a situación", posto que, ademais da "involuntaria invitación ao abandono, parten de supostos errados". Así, declarou que "o maior capital político" co que conta actualmente a lingua é o "consenso social xerado arredor da súa necesidade e do seu valor" e que "ten tamén un reflexo político na aprobación por unanimidade" da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral.

Por iso, considerou "moi importante" que a política lingüística, "a faga o Goberno que a faga", non sexa "obxecto de confrontación partidaria, máis alá das lóxicas discrepancias de matices sobre os ritmos e prioridades na súa aplicación". "Iso, por si mesmo, quere dicir que é un asunto considerado crucial pola cidadanía e polas forzas políticas", aseverou.

ACTO DE HOMENAXE

Por outra banda, reivindicou a contribución do homenaxeado das Letras Galegas deste ano, Manuel Lugrís Freire, á constitución da Real Academia Galega "en tempos máis ben difíciles que os de hoxe", así coma "símbolo e compendio de toda a etapa do galeguismo que vai dende a derradeira década do século XIX ata a eclosión renovadora e decisiva da Xeración Nós".

Touriño proclamou que en Lugrís "se resume un tempo moi difícil e laborioso, de traballo calado, case sempre silenciado e sen froitos inmediatos", nun momento histórico "no que a modernización en curso e o proceso de urbanización ameazaba con pechar para sempre no mundo rural unha lingua e unha cultura que, dese xeito, corrían o risco de quedar momificados".

Fronte a isto, destacou como Manuel Lugrís "afrontou o desafío", cun "traballo inxente que merece o recoñecemento e a admiración". "É un acerto que a Real Academia Galega decidise neste ano tan especial para a institución --que cumpre o seu centenario-- honrar a memoria e rescatar da escuridade a figura de Lugrís", engadiu.

Previamente, o presidente fixo un percorrido polas instalacións da Casa-Museo de Rosalía, onde asinou no libro de oro e se reuniu co patronato, encabezado pola directora da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, quen reivindicou a "obriga moral" dos poderes públicos de preservar o edificio no que viviu gran parte da súa vida a autora de 'Cantares Gallegos'.

Ao acto de hoxe, no que se presentou unha escolma da obra de Manuel Lugrís, asistiron outros persoeiros dos eidos político e cultural de Galicia, coma o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu; ou a titular de Cultura, Ánxela Bugallo.