SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 May. (EUROPA PRESS) -
A Xunta de Galicia está a celebrar o Día das Letras Galegas en Bruxelas cunha serie de actos destinados a achegar a cultura do noso país tanto á colectividade asentada na capital belga como aos cidadáns interesados en coñecela. Destaca a presentación dun libro de poetas galegas contra a violencia de xénero.
A programación de actos que a Fundación Galicia Europa preparou para conmemorar este 17 de maio comezou na librería Orfeu coa presentación do libro 'Polifonías, voces poéticas contra a violencia de xénero', con poesías de 16 poetas galegas que escriben para solidarizarse coas vítimas. Este volume, editado pola Administración autonómica galega foi presentado pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, e o escritor galego Xabier Queipo.
Na súa intervención, Adán salientou que este libro se presenta antes en Bruxelas que en Galicia e sinalou esta actuación como unha das diferentes vías de acción que o Goberno galego está a desenvolver para acabar coa violencia de xénero. Segundo dixo, o obxectivo é comezar a desenvolver políticas transversais, que afecten a todas as áreas de actuación da Administración e favorecer os fenómenos do "empoderamento" das mulleres e a "corresponsabiliade" e participación dos homes nesta tarefa.
Adán apostou por cambiar a "mentalidade" da sociedade para acadar un verdadeiro cambio respecto desta problemática e chegar a unha sociedade "realmente igualitaria". Así mesmo, avogou por "mudar moitos dos estereotipos que actualmente continúan enraizados na sociedade respecto das mulleres" e salientou a poesía como unha boa vía para empezar a conseguilo.
A programación do Día das Letras Galegas continua pola tarde cun seminario sobre Galicia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para os profesores belgas de ensino de lingua española. Este encontro, enmarcado no ciclo 'As Comunidades Autónomas Españolas', está organizado conxuntamente pola Consellería de Educación da Embaixada Española en Bélxica e a Fundación Galicia Europa en Bruxelas.
Posteriormente, o Instituto Cervantes de Bruxelas serve de escenario á conferencia de Ramón Villares titulada Reflexións sobre a Galicia actual, tamén coorganizada coa Fundación Galicia Europa. Para rematar a xornada, desenvolverase unha cea-coloquio pública para debater entorno á cultura e a literatura galegas. Nela participarán, entre outros, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, e mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.