Letras Galegas.- A Xunta difundirá a figura de Lugrís fora de Gali con actividades nos lectorados de galego

Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 18:30

Están previstos actos en universidades españolas e en centros de Portugal, Francia, Italia, Alemania, Polonia e de América

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, difundirá a figura de Manuel Lugrís e promocionará o Día das Letras Galegas fora da comunidade, a partir das diversas actividades programads polos lectorados de galego en diversas universidades.

Segundo informou hoxe o departamento que dirixe Marisol López, a rede de centros de estudos galegos nas universidades españolas e do estranxeiro ten programado un numeroso plan de actividades que abrangue dende exposicións ata conferencias, concertos, recitais poéticos e xornadas divulgativas sobre a lingua galega e sobre a figura de Manuel Lugrís Freire, a quen este ano se homenaxea.

O lectorado da Universidade Complutense de Madrid organiza para mañá, coa colaboración da Galería Sargadelos, unha conferencia do profesor Roberto Pascual, que falará sobre o teatro de Lugrís. Ese mesmo día, o escritor Manuel Pereira Valcárcel abordará o perfil biográfico do homenaxeado este ano. O vindeiro venres farase unha lectura dramatizada dos textos de Lugrís e doutros autores galegos contemporáneos.

A Universidade Autónoma de Barcelona acollerá tamén distintos actos. Así, por exemplo, Xabier Campos Villar falará sobre a figura de Manuel Lugrís. Ademais, farase entrega do premio literario Riscos e presentarase a vindeira convocatoria deste certame.

Na Universidade de Salamanca celébrase a Semana das Letras Galegas, que inclúe un ciclo de cine galego e outras actividades. Unha charla sobre as relacións entre Galicia e Brasil ou a entrega de premios do V Certame de Narración Curta do lectorado desta universidade son outros dos actos previstos.

Tamén Extremadura acollerá diversas actividades. A máis destacable é a que terá lugar en Cáceres o propio 17 de maio. O compositor extremeño, José López Santana, ofrecerá un recital de poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez ou Avilés de Taramancos.

Na Universidade de Murcia programaron un ciclo de proxeccións de documentais e obras de teatro e preparan tamén un concerto de música tradicional galega.

AXENDA EN PORTUGAL

Os lectorados existentes nas universidades portuguesas preparan tamén interesantes citas culturais. O Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa, en colaboración coa Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, co Instituto Cervantes e coa Biblioteca Museu República e Resistencia, teñen unha nutrida axenda de actividades.

Entre elas, cabe destacar a mesa debate sobre "Escribir e ler en Galicia hoxe", na que van participar Xavier Seoane, Ánxel Rei Ballesteros, Luís Rei e Manuel Bragado. O Instituto Cervantes acollerá unha exposición de primeiras edicións de clásicos galegos cedidos polo director do centro en Lisboa, Ramiro Fonte. Ademais, o escritor e profesor Xosé Ramón Pena falará sobre Os Eoas de Eduardo Pondal. Pero tamén haberá tempo para o cine e a música.

A nova biblioteca municipal Lúcio Craveiro de Braga acollerá unha exposición fotográfica e bibliográfica sobre o autor homenaxeado este ano. Inaugúrase hoxe mesmo e permanecerá ata o vindeiro día 31.

Dúas exposicións, unha de carteis, e outra de pintura con obras do galego Suso Noya, encádranse nos actos previstos con motivo do Día das Letras Galegas, na Universidade de Faro, no Algarve.

ACTOS EN EUROPA E OUTRAS PARTES

En Francia, a Universidade de París III, en colaboración coa Casa de Galicia, organiza para mañá varias conferencias e as actuacións musicais do grupo de música e baile da Nosa Casa de Galicia de París e do Centro Galego de Bruxelas. Ademais, para a última fin de semana do mes está previsto o I Encontro da Rede Francesa de Estudos Galegos (Refrega), baixo o título de 'O espazo público galego no século XXI: espazo socio-político, espazo artístico e medios de comunicación'.

Este primeiro encontro pretende ser unha toma de contacto entre xente que traballa en Francia sobre temática galega --ben sexa no ámbito académico, ben sexa no asociativo ou noutros-- e, ao mesmo tempo, un encontro transdisciplinar. As xornadas contarán cunha parte artística que estará asegurada na súa vertente gráfica polo pintor galego Pancho Lapeña e pola fotógrafa galega residente en París, Niki Picalitos e, na parte espectacular, pola bailarina galega residente en Suíza, Mercé de Rande, acompañada de Xurxo Piñeiro, que presentará o seu último espectáculo Hana-Bi (flores de fogo).

En Italia, a Universidade de Roma acolleu o pasado venres, grazas ao lectorado de galego, unha xornada sobre a tradución do galego ao italiano, na que participaron autores, tradutores e editoriais. Os lectorados de Alemaña coordínanse habitualmente para a celebración de actividades culturais. Entre elas figura o 'Día das Letras Galegas', cuxo acto en Alemaña vai rotando cada ano por cada unha das catro universidades que teñen lectorado: Berlín, Heidelberg, Tübingen (Tubinga) e Trier (Tréveris).

Este ano correspóndelle a Trier organizar os actos do Día das Letras Galegas, de maneira que os outros tres lectores desprázanse ata esta cidade para participar nas actividades; nembargantes, tamén haberá actos nos outros centros.

As universidades de Varsovia e Cracovia, en Polonia, organizan conxuntamente unha conferencia do escritor Francisco Alonso, que falará de literatura e contemporaneidade dende Galicia.

Tamén en América se van celebrar distintas actividades. En Brasil, a Universidade de Fortaleza, no Ceará, haberá un encontro cos alumnos de lingua e literatura galega para poñer en común os seus coñecementos de Galicia e, tras un xantar con produtos típicos, escoitaranse poemas e cancións galegas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística remitiulles a todos os centros de estudos galegos no exterior diverso material sobre Manuel Lugrís Freire para facilitarlles a organización dos actos.