SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Jun. (EUROPA PRESS) -
A xornada formativa sobre "Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral", que está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, reúne hoxe en Santiago de Compostela a 120 docentes. Durante todo o día, os participantes aprenderán as técnicas e ferramentas que os habilitarán para dar este novo curso que a Consellería de Traballo xa incorporou á súa oferta de formación para as persoas desempregadas.
Segundo a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, esta xornada ten como obxectivo "cualificar aos desempregados para que a poidan afrontar a súa integración laboral en galego e con normalidade".
Así, os contidos do módulo formativo, que xa se ofrece nos cursos de formación ocupacional da Consellería de Traballo, teñen un enfoque eminentemente práctico e "céntranse na oralidade, nos contextos concretos do traballo, como reunións ou conversas, e tamén na escrita, na elaboración de currículos, mensaxes electrónicas, etc".
Desde as dez da mañá e ata as oito da tarde, os alumnos reciben, no IES Xelmírez II de Santiago, formación teórica e práctica. Nas diversas sesións de traballo afondarase no contido deste módulo sobre habilidades comunicativas e organizaranse obradoiros nos que a través de xogos e simulacros de actuacións se traballará a lingua dun xeito dinámico e cun enfoque eminentemente comunicativo e non gramatical.
INICIATIVA "INNOVADORA"
Adquirir ferramentas e habilidades en galego para afrontar unha entrevista de traballo, a redacción dun currículo, unha carta de presentación ou outro tipo de documentos laborais son parte das dinámicas comunicativas que se ensinarán nos diferentes obradoiros que teñen lugar.
Política Lingüística salienta que esta iniciativa é "innovadora", xa que ata o momento non existía formación didáctica destinada a que o galego sexa a lingua habitual nas relacións dentro do mercado laboral.
Na actualidade, está dispoñible xa na páxina web da Consellería de Traballo os manuais en PDF para este módulo formativo. Ademais, en breve, ofrecerase tamén unha versión on-line desta mesma actividade formativa na modalidade a distancia, para integrala nos cursos que se realicen deste xeito.