Marisol López visitará París e Bruxelas para impulsar a promoción exterior da lingua galega

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 enero 2006 19:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Ene. (EUROPA PRESS) - A Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, visita París e Bruxelas para impulsar a promoción exterior do galego. Mañá achegarase ao expositor da Xunta de Galicia no Salón Expolangues, da capital francesa, e o xoves estará na capital belga para analizar a nova situación do galego como lingua de traballo nas institucións europeas.

Segundo informou hoxe Política Lingüística, Marisol López estará mañá a París para participar no Salón Expolangue, un foro de debate e encontro das distintas linguas do mundo no que estará presente a lingua galega nun expositor da Xunta de Galicia.

A secretaria xeral asistirá á inaguración oficial do salón e aproveitará a súa estadía na capital francesa para reunirse co coordinador do Centro de Estudos Galegos na Universidade da Sorbona, Eric Beaumatin, e coa lectora bolseira nesa universidade, Olga Nogueira.

Ademais, reunirase con representantes do Instituto Cervantes en París e con membros do Instituto Camoes e do Centro Calouste Gulbenkian portugueses. Por último, entrevistarase co presidente da Casa de Galicia en París, Cesáreo González.

O xoves 19 de xaneiro Marisol López viaxará a Bruxelas, onde vai manter varias xuntanzas con representantes comunitarios para abordar a materialización do acordo da Comisión Europea, do Comité das Rexións e do Consello da Unión Europea, que veñen de aprobar o status do galego como lingua de traballo da Unión.

Ademais de estar na Fundación Galicia Europa e reunirse coa súa directora na capital belga, Ana Ramos, a secretaria xeral de Política Lingüística entrevistarase co director do Instituto Cervantes en Bruxelas, Francisco Ferrero, co conselleiro de Asuntos Autonómicos da Representación Permanente de España ante a UE, Manuel García Guirado e cos xefes das unidades de interpretación de español no Parlamento e na Comisión Europea. Está tamén prevista unha xuntanza coa directora de Interpretación do Parlamento Europeo, Olga Cosmidou.

O obxectivo desta viaxe é afondar na proxección exterior da lingua galega e abordar o mecanismo que vai adoptar a Xunta de Galicia para garantir que o acceso e a atención aos cidadáns dende a Unión Europea se poida facer en galego, tal e como aprobaron o Comité das Rexións, o Consello e a Comisión Europea. A Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa na actualidade para facilitar as intervencións en galego dos membros do Goberno e dos deputados galegos nas institucións comunitarias.

Contenido patrocinado