SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Consellaría do Medio Rural, a través do delegado provincial de Pontevedra, Gonzalo Constenla, coordinará cos xerentes do Proder II do Morrazo e de Pontevedra o proxecto de acondicionamento do sendeiro das mámoas do Morrazo de cara a poñer en valor este contorno.
O proxecto prevé o acondicionamento e rehabilitación das mámoas do Morrazo entre o Lago de Castiñeiras e o Monte Faro, nos municipios de Vilaboa, Marín e Moaña; así como o deseño dun sendeiro arqueolóxico para a posta en valor do patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico desta zona.
Así, Gonzalo Constenla reuniuse hoxe con Xoán Carlos Enríquez e Laura Nieto, xerentes do Proder II do Morrazo e de Pontevedra, respectivamente, co obxectivo de ofrecerlles o respaldo institucional para comezar a coordinación do proxecto de acondicionamento arqueolóxico e ambiental do sendeiro das mámoas.
Segundo informou Medio Rural, nesta xuntanza acordaron manter unha nova reunión e proporlles que tamén estivesen presentes os delegados das consellarías de Medio Ambiente, para os temas relacionados co centro de interpretación de Cotorredondo; de Cultura, para a posta en valor do patrimonio histórico; e de Turismo, para a sinalización e creación dun catálogo de interese para os visitantes.
Desta reunión daríase conta ás entidades e institucións que participan no proxecto; concellos de Marín, Moaña, Vilaboa, así como ás comunidades de montes e asociacións implicadas.
OBXECTIVO E ACTUACIÓNS
O obxectivo deste proxecto de acondicionamento de mellorar as condicións de conservación dos monumentos megalíticos para o seu aproveitamento cultural dende un punto de vista pedagóxico e lúdico, que fomente un compromiso da sociedade cos seus recursos patrimoniais. As actuacións previstas son a creación dun sendeiro de 7,7 quilómetros de lonxitude e sinalización direccional interpretativa, a repoboación con especies frondosas nunha marxe de 25 metros a cada beira do camiño, a actuación en 20 mámoas e a posibilidade futura de creación dun centro de interpretación en Cotorredondo. As achegas económicas para a súa realización serán informadas a través da Agader, entidade dependente da Dirección xeral de Desenvolvemento Rural.
Para a posta en valor das mámoas do Morrazo quérese garantir a axeitada conservación dos vestixios arqueolóxicos existentes no ámbito do sendeiro, mediante o acondicionamento e a mellora das condicións de conservación dos elementos patrimoniais, facilitar o acceso e aproveitamento público deste patrimonio cultural coa dotación de recursos para unha visita didáctica e, ademais, ordenar o uso público das mámoas e do contorno no que se atopan para a súa posta en valor.