SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Mesa Pola Normalización Lingüística e as entidades equivalentes en Euskadi --Behatokia-- e Cataluña --Observatori de la Llengua Catalana-- reuníronse con varios partidos políticos no Congreso dos Deputados para lle pedir ao Estado que cumpra cos compromisos adquiridos a través da Carta Europea e reforce un modelo plurilingüe.
Á reunión asistiron BNG, EA, ERC, Na Bai, PNV, PSC, CiU e IC-V, ante os que estas tres organizacións que traballan para velar polos dereitos lingüísticos dos falantes de galego, catalán e basco lembraron as recomendacións da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que entrou en vigor en agosto de 2001.
A Mesa lembrou que o Consello de Europa considera que é necesaria unha transición lingüística no Estado español, a partir do modelo aínda vixente baseado na supremacía do monolingüismo castelán e cara a un modelo plurilingüe.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, explicou que en Galicia existe unha lexislación que non garante máis alá de que un terzo do ensino se produza en galego e engadíu que, "aínda así, esta lexislación é incumprida de forma masiva". Callón denunciou que nin tan sequera os pais que queren escolarizar os seus fillos e fillas en galego nos primeiros anos ven garantido ese dereito.
"Esta vulneración de dereitos lingüísticos tan elementais non se debería tolerar por máis tempo", reclamou. Ao seu xuízo, o galego é a lingua do Estado que se encontra nunha situación de "desprotección institucional máis acusada", o cal producíu unha alarmante caída de falantes nos últimos vinte anos que non foi corrixida.