A Mesa pídelle ao TXSG que execute unha sentenza de 1994 e obrigue ao Concello a utilizar o topónimo galego A Coruña

Actualizado: lunes, 8 mayo 2006 19:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle á sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que faga cumprir dunha vez a sentenza xudicial de 1994 sobre o nome da cidade que obriga ao Concello da Coruña a utilizar como nome oficial o topónimo en galego.

Tras a marcha de Francisco Vázquez, o novo alcalde coruñés, Javier Losada, ten declarado que no referido ao topónimo respectará a denominación "La Coruña" en castelán e "A Coruña" en galego, por estabelecelo así o Pleno do Concello, a pesar de que, segundo a Mesa, tal moción foi "unha fraude de lei" anulada por ser contraria a dereito.

Ademais, denuncia que o Concello da Coruña non só fica fóra da legalidade no referido ao topónimo, senón que tamén continúa sen utilizar o galego como lingua cooficial, "sen que iso teña a máis mínima consecuencia nin por parte dos tribunais nin por parte da Delegación do Goberno, como foi no caso das Pontes", recordou hoxe o presidente da Mesa, Carlos Callón.

No escrito presentado perante o TSXG, a organización de defensa da lingua galega considera que nas manifestacións de Losada "se fai patente a continuación no desprezo ás leis, ao tribunal e ao pobo galego que xa concorrían no anterior alcalde, e dita situación precisa ser superada mediante a obrigada execución da sentenza ditada nos presentes autos e as reiteradas resolucións exixindo a mesma que foron incumpridas até o de agora."

Ademais, "sendo manifesta a vontade do novo alcalde de continuar na mesma situación de menosprezo ás resolucións xudiciais", a Mesa dí que "procede que, xa sen ningún outro requerimento, se impoñan ao alcalde as multas coercitivas correspondentes e, ademais, se deduza testemuño por desobediencia".

Carlos Callón cualificou de "escandalosa permisividade" dos tribunais que, doce anos despois de se emitir a sentenza, hoxe continúe sen se cumprir.