O Museo do Pobo Galego acollerá unha mostra da relación entre Galicia e Canadá a través do banco pesqueiro de Terranova

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 28 febrero 2006 11:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Feb. (EUROPA PRESS) -

O próximo xoves inaugurarase o Museo do Pobo Galego a exposición 'Rumbo o Gran Banco de Terranova' na que se aborda a relación entre Galicia e Canadá a través deste banco pesqueiro. O acto contará coa presencia do embaixador de Canadá en España.

A mostra, comisariada pola antropóloga Rosa García-Orellán, profesora da UNED do País Vasco, parte dos comezos da pesca industrial do bacallao española no primeiro terzo do século XX, a situación que alí atoparon os pescadores, os avatares humanos e os avances tecnolóxicos que se van incorporando.

De igual xeito, tratase a bonanza pesqueira, a incorporación das parellas, a concorrencia, así como a exploración de todo o Gran Banco; a xestión por parte de Canadá das 200 millas mariñas e a moratoria do bacallao. Tamén se presenta a historia da pesca en Galicia e en Terranova ó longo de todo o século XX, dos territorios que comparten o mesmo océano e unha ollada posta na mar.

O goberno de Canadá, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, patrocina a exposición, que se poderá visitar neste Museo ata o 2 de abril en horario de 10 a 14 e de 16 a 20, de martes a sábado, e os domingos e festivos de 11 a 14.

Contenido patrocinado