PONTEVEDRA 10 Feb. (EUROPA PRESS) -
Os actos previos ao comezo do Entroido en Pontevedra inícianse mañá cunha mostra de entroidos tradicionais de Galicia que terá como protagonistas aos Xenerais de Merza, que percorrerán as rúas Michelena, Peregrina e Ferrería a partir das seis da tarde. A exhibición continuará os días 18 e 19 de febreiro.
O concello vén de publicar un programa impreso de 16 páxinas impresas a toda cor no que se dá conta das actividades centrais e complementarias do entroido, entre as que destaca a inauguración dunha estatua do loro Ravachol, personaxe que habitaba na rebotica de Perfecto Feijóo. A estrea producirase o 23 de febreiro na praza da Peregrina.
Tamén se fixou para o día 27 a presentación do loro Ravachol, co seu novo atuendo, e maila apertura da recreación da botica de Perfecto Feijóo, na que actuará Tino Baz interpretando composicións dese músico e farmacéutico, propietario do establecemento no que tamén se realizaban tertulias. A Aula Municipal de Teatro realizará diversas representacións da época.
PREMIOS
Na presente edición do Entroido de Pontevedra repartiranse 35.000 euros en premios nas distintas actividades a concurso, como o Desfile do Entroido, o Certame de Murgas, a Mostra da Parodia e o Concurso de Filloas.
Como preparación ás festas, o Concello de Pontevedra vai organizar uns cursos prácticos de cociña de entroido, a cargo da cociñeira Helena Argüello que se desenvolverán o día 11 de febreiro na casa da cultura de O Salgueiral (Bora) , o día 16 en Santa María de Xeve e o día 20 en Cabanas-Salcedo. Tódalas charlas realizaranse a partir das sete e media da tarde.