Os profesionais do audiovisual e das artes escénicas reclaman á Xunta un plan que "garanta a súa continuidade"

Actualizado: miércoles, 13 julio 2011 19:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jul. (EUROPA PRESS) -

Os profesionais galegos dos sectores do audiovisual e das artes escénicas manterán nos próximos días unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que reclamaron a elaboración dun plan que "garanta a súa continuidade" ante os "efectos desvastadores" da crise económica.

Para afrontar esta situación, o sector constituíu unha Coordinadora que elaborou un documento consensuado, "con propostas concretas", para trasladar a Núñez Feijóo ante os "momentos moi complicados" polos que pasan as empresas do sector.

Así mesmo, á situación de crise súmase, alertaron os profesionais, a "drástica redución" de investimentos por parte da TVG e da Xunta e a "indefinición e falta de coordinación entre os diferentes organismos do goberno galego con competencias no audiovisual e no teatro".

"Moito do talento galego está a marchar, moitas compañías están a punto de pechar ou xa pecharon, o que está a poñer en cuestión o futuro dos centos de novos que saen cada ano das universidades e escolas galegas e se están a formar en audiovisual", explicaron os integrantes do sector.

Ante isto, viron necesario "elaborar un plan especial" para que a TVG "poida atopar o equilibrio óptimo entre os seus cambios estruturais e o mantemento das contratacións externas de series e programas", así como "ter recursos abondos para poder cumprir a súa obriga legal" de inverter o 6 por cento dos seus ingresos no financiamento de películas, documentais, animación e series.

A "falta destes compromisos", alertaron os profesionais, podería "supoñer unha mingua" da industria de contidos audiovisuais de Galicia, da que dependen máis de 4.000 traballadores.