A participación nas axudas a curtametraxes da Consellería de Cultura multiplícase por cinco

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 7 junio 2006 20:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura recibiu 161 proxectos na edición deste ano para as axudas a curtametraxes, mentres que no 2005 foron 31 as solicitudes, o que supón que a participación nesta convocatoria tense multiplicado por cinco. Cultura introduciu na edición actual novidades para fomentar a presentación de novos creadores e facilitar a realización efectiva dos proxectos. Así, por primeira vez permíteselles acceder ás axudas aos particulares e non só as empresas, como sucedía ata o de agora.

Neste sentido, as subvencións a curtametraxes tamén establecen unha nova modalidade de producción en soporte dixital que permite a democratización da produción de imaxes, xa que posibilita abaratar custos. Outra novidade é que parte das axudas que se concedan entregaranse por adiantado para garantir que as ideas seleccionadas conten a tempo cos recursos necesarios. Esta convocatoria está dotada con 510.000 euros.

LIÑAS TEMÁTICAS

Tamén se inclúen na convocatoria liñas temáticas, que engaden axudas ás curtas dirixidas ou guionizadas por mulleres -en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, -; e por mozos ou mozas menores de 21 anos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude. Ao mesmo tempo, haberá apoio para os filmes de temática relacionada coa recuperación da memoria histórica de Galicia.

As empresas produtoras continúan a ter a posibilidade de concorrer á adxudicación de proxectos de curtametraxes en tres modalidades: curtametraxe cinematográfica, de animación (nova categoría) e produción anovadora ou experimental. O sector audiovisual tamén respondeu masivamente ás innovacións da Consellería nas axudas a guións, que triplicaron ás do 2005: 119 por 39. En canto ás axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a consellería conta con 109 solicitudes, co que se supera nun 49% os 73 proxectos do 2005.

Contenido patrocinado