O profesor Neira García da USC presenta a súa obra 'Nacer para vivir' para unha audiencia "á que compre educar"

Actualizado: martes, 27 junio 2006 18:50

Trátase dun libro "reflexivo, moral e crítico" que pretende orientar á sociedade "cara ao mundo actual"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (USC) Domingo Neira García presentou hoxe no Colexio de Fonseca a súa última publicación 'Nacer para vivir (13 brújulas orientativas)', unha obra pensada para unha audiencia á que "cómpre educar para que aprenda a vivir cos ollos abertos e sabendo observar", sinalou o autor.

No acto de presentación, o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán, cualificou a Neira como un "pensador libre do que sempre é un pracer ler un libro".

Á presentación asistiron, ademais de compañeiros e amigos do autor, os profesores Darío Villanueva e Marcelino Agís, quen subliñou que 'Nacer para vivir' é "un libro distinto, froito da constancia e da disciplina intelectual" e asegurou, ademais, que "non deixará indiferente a ninguén".

O libro constitúe un amplo percorrido informativo, literario, humorístico e científico por cuestións como a ciencia, a economía, o ensino, a filosofía, o humor, a xustiza, a política, a relixión, a saúde, os sentimentos ou a sociedade. En todos eles, o autor ofrece a súa particular visión sobre unha serie de temas de actualidade e de interese configurados ao longo de 1993 a 2006 e extraídos de distintos medios de comunicación, libros e, sobre todo, da observación cotiá.

Trátase, como explicou o profesor Neira, dun libro "formativo, ético, reflexivo, estético, moral e crítico que pretende orientar á sociedade cara ao mundo actual" e centrar a súa atención en aspectos concretos a través dunha "metáfora constante" desgranada en base a un conxunto de ocorrencias, anécdotas e proposicións.

O AUTOR

Domingo García Neira estudou Maxisterio en Lugo pola rama de Matemáticas e Ciencias da Naturaza. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Deusto, doutorouse en Filosofía e Letras pola Universidade Autónoma de Barcelona.

Dedicado á docencia e á investigación dende os primeiros anos dos setenta, é autor de libros como 'La otra cara de la didáctica', 'Experiencias didáctico-organizativas para la innovación e investigación en el aula', 'La otra cara del relato: Invenciones filosóficas para el tratamiento educativo' e 'La otra cara del universo', entre outros.