O profesor de Psicoloxía da USC Emilio Gutiérrez recibe mañá o premio Humanitas polo seu labor humano e solidario

Actualizado: lunes, 30 enero 2006 17:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -

O profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC) Emilio Gutiérrez García recibirá mañá martes o Premio Humanistas que chega á súa segunda edición outorgado polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) e que distingue aquelas actividades individuais que destaquen polas súas cualidades humanas e a súa dedicación e implicación en actividades solidarias, sociais e humanitarias.

O premio será entregado nun acto no que participarán o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira; e o presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra Martul-Ortega. A sesión desenvolverase a partir das 11.30 horas no Salón de Plenos do Consello Social e nela tamén se fará pública a convocatoria da terceira edición do premio.

O premio foille concedido a Emilio Gutiérrez García pola súa colaboración na posta en marcha da Unidade Venres Clínicos, iniciativa de carácter social que arranca en 1984 cando un grupo de profesionais que querían seguir vinculados á facultade e á psicoloxía clínica tras rematar a carreira, comezaron a atender desinteresadamente todos os venres á tarde as demandas de atención que esporadicamente se producían, razón pola cal desde 2002 se denominan Venres Clínicos.

O xurado valorou a "adecuada resposta" que a colaboración deste profesor da Universidade de Santiago dá a unha problemática tan actual coma son os problemas psicolóxicos.

Neste servizo traballa de maneira "totalmente voluntaria" un equipo de seis persoas que dan resposta a todo aquel que se achegue a solicitar asesoramento psicolóxico, tratando fundamentalmente trastornos do estado de ánimo, de ansiedade e de alimentación.