SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Radio Galega presentará este serán --ás 20.00 horas-- nas instalacións do Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) de Vigo a nova programación da emisora, que arrincou a principios de semana co lema 'Con todos. Para ti'.
O acto estará presidido polo director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez e o director da RG, Virgilio Costas, e contará coa presenza de destacados persoeiros da vida política, social e cultural da cidade olívica e de Galicia.
O desenvolvemento do acto será "sinxelo e dinámico", segundo informou a propia cadea nun comunicado, e contará coa intervención de Xurxo Souto, xefe de programas da Radio Galega; os presentadores Xusto López Carril e Amelia García; o actor Carlos Blanco e a actuación musical de Espido.
Os principais eixos polos que se moverán os distintos programas da Radio Galega son a creatividade musical, cultural e cinematográfica que se fai en Galicia, sen esquecer tamén a outra gran protagonista que é a información e actualidade de todo canto acontece no país. Ademáis dos espazos habituais de noticias e entrevistas a nova programación da Radio Galega contará con programas nos que se analiza a actualidade "e se ofrecen claves para entendela".