A Real Filharmonía de Galicia interpretará obras de Bach e Haydn

Actualizado: martes, 31 enero 2006 13:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e dirixida polo mestre Hansjörg Schellenberger, interpretará na capital galega as obras de C. Ph. E. Bach, Sinfonía nº 3 en Do maior, Woq 182/3 e o Concerto en Mib maior para óboe, cordas e baixo continuo, Woq 165 e de Haydn a Sinfonía nº 31 en Re maior "A chamada de trompa"

Nun comunicado, esta institución sinalou que Schellenberger interpretará como solista o concerto para óboe de Bach. Á idade de 13 anos comezou a tocar o óboe. Ao rematar os seus estudos en 1967, e animado polo primeiro premio conseguido nunha competición xuvenil en Alemaña en 1965 e polo premio ao mellor director de orquestra do Interlochen Music Camp en Estados Unidos, que obtivo con 17 anos, comezou a estudar óboe, dirección de orquestra e matemáticas en Munich e en Detmold.

Tras gañar algúns concursos musicais, empezou a súa carreira profesional coa WDR Symphony Orchestra Cologne (Alemaña) en 1971, sendo nomeado primeiro óboe en xaneiro de 1980. Colaborou con directores de gran prestixio como Herbert von Karajan, Carlo María Giulini, Claudio Abbado, Riccardo Muti e James Levine entre outros.

As súas actividades de música de cámara céntranse no Ensemble Wien-Berlin (primeiro óboe das Filharmónicas de Viena e Berlín). Fundou a Haydn-Ensemble Berlin, da que é director artístico e coa que desde 1991 interpreta a música que compuxo Haydn na súa primeira época e a dos seus contemporáneos cos instrumentos que formaron parte nun primeiro momento da Haydn's Estherhazy Orchestra.