Renfe aplicará descontos de entre o 25 e 30% nos billetes aos asistentes a cursos, seminarios e congresos da USC

Actualizado: jueves, 6 abril 2006 21:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

A compañía ferroviaria Renfe aplicará descontos do 25% para os trens de Alta Velocidade e o 30% para os de Cercanías, Media Distancia e Longa Distancia, nos billetes dos traxectos de ida e volta a todos os asistentes aos cursos, seminarios, congresos e certames que se celebren ao amparo da Universidade de Santiago (USC).

Para isto, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, e o xerente da Área de Negocio Norte da Dirección Xeral de Servizos de Alta Velocidade-Longa Distancia de Renfe, Ángel Lorrio Alonso, asinaron hoxe en San Xerome un acordo polo que a compañía ferroviaria aplicará os descontos.

No acto participaron ademais José María Álvarez, técnico de Longa Distancia de Renfe en Galicia; José Manuel Gómez, xefe comercial de Área Norte da Dirección Xeral de Servizos de Alta Velocidade-Longa Distancia de Renfe; Elena Vázquez, vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais; Lanzada Calatayuz, directora da Oficina de Eventos da USC; e Luis Hervella, director do programa 'A Ponte'.

Segundo explicou o reitor, ao longo de 2005 celebráronse en Santiago máis de 250 eventos nos que participaron directamente 65.000 persoas. Deste total máis dun terzo eran especificamente eventos organizados ao abeiro da Universidade de Santiago, "de aí a trascendencia deste acordo", subliñou.

Para que estas reducións no prezo sexan efectivas a USC deberá remitir con anetrioridade a Renfe o calendario dos certames para que poida programalos e difundilos nos puntos de venda.

A universidade e Renfe comprométense a realizar conxuntamente actividades de promoción que sexan de interese común. Pola súa banda, a USC difundirá os programas e certames na súa páxina web e oficinas de información xuvenil e establecerá un link de acceso a todos os servizos que Renfe ofrece no seu web. Así mesmo, convidará á empresa ferroviaria a charlas ou conferencias que sexan de interese para ambas partes.

Con anterioridade, a USC e Renfe asinaran un primeiro convenio para dar a coñecer o Inter Rail de Renfe así como outros produtos nacionais e internacionais da empresa. Ese acordo viña xustificado polo especial interese da Universidade no fomento do turismo entre os novos en colaboración con outras entidades, públicas ou privadas, para mellorar a formación integral da xuventude a través do coñecemento doutras culturas e sociedades.

No mesmo acto, a vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez Cendón, procedeu ao sorteo público de catro billetes Inter Rail donados por Renfe entre estudantes da USC que están a disfrutar dunha bolsa Erasmus. Os agraciados son Lucía López Nogueira, da Facultade de Ciencias da Educación; Carla Fernández Vizoso e Cristina García García; e Ainara Gaztañaga Álvarez, da Escola Politécnica Superior.