A RG estrea hoxe 'Un mundo de palabras', un novo espacio sobre as distintas formas de expresión oral

Actualizado: sábado, 1 julio 2006 13:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Radio Galega estrea hoxe, ás 21.30 horas, a primeira entrega de 'Un mundo de palabras', un novo espazo radiofónico de media hora de duración que vai estar na grella semanal da emisora pública galega durante os meses de xullo e agosto e que ten coma obxectivo difundir as distintas formas da expresión oral.

Nun comunicado, a CRTVG sinalou que este programa está promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e está concibido como unha colaxe de cortes sonoros. "Pretende poñer en valor a naturalidade das distintas formas de expresión nun sentido amplo, tanto na boca da xente común coma na de autores recoñecidos", engadiu.

A condutora do programa, a xornalista Edith Pazó, defíneo como "un espazo para a palabra", no que terán cabida contos, recitados, regueifas e parrafeos, hip hop galego, entrevistas, música cantada, etc. Todas estas propostas conformarán unha paisaxe variada para dar conta da diversidade produtiva en Galicia ao redor da expresión oral.

'Un mundo de palabras' estrutura os seus contidos en diversas seccións, que aparecerán con frecuencia en cada entrega: "Palabras con carácter" -para pensar na propia natureza interna das palabras-, "Traballadores das palabras" -para coñecer aqueles oficios ao redor da lingua-, "Palabras de fóra a dentro" -na que galegos no estranxeiro escollen as palabras máis significativas do territorio no que están-, "Epistolario necesario" -no que se vai tecendo unha cadea de cartas entre escritores que se regalan aquelas palabras que máis lles cómpren- e "Unha entrevista fantástica" -na que se conversa cun persoeiro nun ambiente imaxinario creado a través de efectos sonoros-.