Rianxo acolle hoxe varios actos para conmemorar o aniversario da morte de Castelao

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 7 enero 2006 11:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Ene. (EUROPA PRESS) -

A vila natal do escritor, pintor e político galego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886 - Buenos Aires 1950) acolle hoxe os actos de homenaxe a esta figura da cultura galega con motivo do cabodano da súa morte ocorrida o 7 de xaneiro de hai 56 anos.

A programación de actos con motivo do cabodano de Castelao terá lugar en Rianxo (A Coruña), organizada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), segundo sinalou a agrupación nacionalista da comarca de O Barbanza.

Primeiramente celebrarase un acto público na Casa da Cultura ás 12.00 horas onde intervirá o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e que será presentado pola concelleira nacionalista en Rianxo Adelina Ces Quintáns.

De seguido, ao redor das 13.00 horas, as persoas asistentes ao acto serán convidadas a participar nunha ofrenda floral ao busto de Castelao ubicado no peirao rianxeiro. Posteriormente, celebrarase un xantar de confraternidade.

Contenido patrocinado