SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ago. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, destacou hoxe a importancia da Intelixencia Artificial "non só no eido científico senón tamén na vida diaria" e sinalou que esta área de coñecemento está presente "en xogos de ordenadores, coches, e incluso nos servidores que envían os e-mails".
A máxima responsable da Administración educativa autonómica recibiu hoxe aos prestixiosos poñentes da International Conference on Inductive Logic Programming (ILP), o foro máis importante en programas de aprendizaxe de ordenadores mediante a lóxica, dentro do campo da Intelixencia Artificial (IA).
Destacou nesta liña que "grazas aos últimos logros científicos, os ordenadores están a adquirir capacidades propias do cerebro humano". Deste xeito, puxo como exemplo que o ordenador "máis potente do mundo" pode desenvolver 100 trillóns de operacións por segundo, unha capacidade próxima á do cerebro humano.
A devandita recepción celebrouse no Hostal dos Reis Católicos, na que a conselleira recordou que este ano se celebra o 50 aniversario da Intelixencia Artificial, termo acuñado polo profesor John McCarthy para designar a creación de máquinas, especialmente programas para ordenador, que simulan a intelixencia humana. Precisamente McCarthy participa na conferencia, que se desenvolve desde hoxe e ata o domingo na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.
A conferencia conta ademais coa presenza de personalidades no campo da Intelixencia Artificial, como os profesores Lifschitz, da University of Texas (USA); Russell, da University of Berkeley (USA); Selman, da Cornell University (USA); e Shapiro, do Weizmann Institute, en Israel.
Esta é a primeira vez que a ILP se celebra en España. Desde a súa creación, no ano 1991, reúne anualmente a importantes expertos no campo da Intelixencia Artificial en cidades como Londres, Sidney, Bonn ou Porto. As conferencias céntranse no campo do Machine Learning, que consiste no desenvolvemento de algoritmos e técnicas que permiten aos ordenadores aprender.
APRENDIZAXE DE ORDENADORES
As sesións comezaron hoxe coa intervención de John McCarthy, que relatou os retos aos que se enfronta a aprendizaxe de ordenadores. Así, expresou que entre estas "dificultades" se atopa a diferenza entre a aparencia e a realidade das cousas.
O profesor incidiu na necesidade de ter en conta as relacións entre ambas dimensións á hora de deseñar os robots e outras máquinas de Intelixencia Artificial. Na xornada de mañá, o profesor Vladimir Lifschitz reflexionará sobre os cambios causados pola execución de accións, e a súa repercusión no campo da IA.