A titulación de Relacións Laborais deixará de ter límite de prazas na USC o vindeiro curso

Filoloxía Hispánica, Humanidades e a diplomatura en Ciencias Empresariais tampouco fixarán límites no Campus de Lugo

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 marzo 2006 18:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Goberno aprobou na súa xuntanza de hoxe o límite de prazas das titulacións da Universidade de Santiago (USC) para o curso 2006-2007, polo que a Escola Universitaria de Relacións Laborais de Compostela pasa a ser sen límite de prazas sumándose así neste Campus ás de Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas e da Administración, Dereito, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Química, Historia, Historia da Arte e Xeografía.

No Campus de Lugo tampouco terán límite Relacións Laborais, Filoloxía Hispánica, Humanidades, a diplomatura en Ciencias Empresariais; os segundos ciclos de Administración e Dirección de Empresas, Química, Enxeñeiro Agrónomo e de Montes e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; e as enxeñarías técnicas en Mecanización e Construcións Rurais, Industrias Agrarias e Alimentarias, Hortofruticultura e Xardiñaría, Explotación Agropecuarias e Forestais, así como a Enxeñaría Técnica en Química Industrial.

Por outra banda, materán o mesmo número de prazas que este curso as titulacións de Enxeñeiro Químico, Enfermaría, Óptica, Traballo Social, todas as titulacións de Ciencias da Educación, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Farmacia, Odontoloxía, Medicina, as enxeñarías técnicas en Topografía e en Obras Públicas, así como as titulacións da Escola de Formación de Profesorado de EXB de Lugo.

Asemade aumenta o número de prazas en Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e diminúe en Bioloxía, Psicoloxía, Veterinaria e Enfermaría de Lugo.

Outro punto da reunión do Consello de Goberno universitario abordou a creación do Xardín Botánico da USC que "propiciará, fomentará e facilitará" a investigación, a docencia, a divulgación científica e o asesoramento no campo da botánica, así como promoverá a interrelación coa sociedade mediante programas de formación, conservación ou educación ambiental entre outros. Nunha primeira fase desenvolverase nos terreos cedidos á USC polo Consorcio de Santiago.

O Xardín deberá contar, segundo o documento presentado a debate, con coleccións de plantas visitables con carácter público, instaladas de forma "cientificamente ordenada" e baixo un deseño ou estrutura de xardín, ter funcións científicas, educativas e culturais e manter, a través das súas actividades, un compromiso coa conservación da diversidade vexetal.

OUTROS PUNTOS

Na mesma reunión o Consello de Goberno aprobou a modificación da relación de postos de traballo do Persoal de Administración e Servizos (PAS) e do Persoal Docente e Investigador (PDI), así como as prórrogas de contratos de PDI, as solicitudes de contratación de profesores eméritos e das licencias de anos sabáticos.

O Plan de Prevención de Riscos Laborais ou os novos cursos de posgrao propio supuxeron outros dos asuntos da orde do día deste Consello de Goberno, que tamén tratou a axuda institucional ás campañas de elección do reitor.

A reunión acolleu tamén a elección do representante do PAS no Consello Social e dos membros das Comisións de Investigación e de Calidade e Planificación Estratéxica, ademais da ratificación dos regulamentos de Réxime Interno da Facultade de Psicoloxía e dos Departamentos de Ciencias da Comunicación e de Organización de Empresas e de Comercialización así como do Instituto de Dereito Industrial.

A orde do día completouse cos puntos relativos á incorporación da Xunta de Galicia ao Centro de Investigacións e Estudos Turísticos (CETUR) e a adhesión da USC á Declaración de Berlín sobre o acceso aberto ao coñecemento nas Ciencias e nas Humainidades.

Contenido patrocinado