A TVG asina un acordo para a retransmisión completa da Liga de Traíñas este verán

Actualizado: miércoles, 7 junio 2006 22:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) fai unha firme aposta polas traíñas este verán, tal e como o certifica o acordo ao que chegou coa Liga Noroeste de Traíñas para ofrecer toda a competición, trala reunión mantida cos clubs Perillo, Amegrove, Samertolameu de Meira, Remo Chapela e Remo Cabana-Ferrol.

A TVG vai ofrecer as 12 regatas da Liga Noroeste, en horarios de 18.30 horas os sábados e de 12.30 horas os domingos. Esta competición, que arranca o próximo 25 de xuño coa Bandeira de Nigrán, estenderase ata a Bandeira de Oleiros (27 de agosto).

Neste tempo, os afeccionados ás traíñas poderán desfrutar na TVG das Bandeiras El Corte Inglés, Moaña, Esteiro, Concello de Vigo, Teresa Herrera, Ferrol, e do Campionato Galego, que se disputa desde Meira/Moaña.

Neste compromiso da canle autonómica galega coas traíñas inclúese tamén a emisión de varias probas da Liga ACT. Riveira, Boiro, O Grove, Vigo, Getxo, Zarautz, Zumaia e A Concha (10 setembro), serán as próximas citas que a TVG manterá coa Liga da Asociación de Clubes de Traíñas.

Segundo a canle autonómica, este acordo vai supoñer un punto de inflexión na repercusión das traíñas, nun decidido apoio desta canle ao deporte autóctono.