SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Televisión de Galicia (TVG) estreará mañá, ás 8.25 horas, o magazine 'Cadernos do aire', un espazo con entrevistas, reportaxes, e música, no que se recollen as historias actuais da Galicia "multicultural", desde a perspectiva dunha terra de acollida, coas historias de emigrantes, galegos retornados e inmigrantes.
O magazine, presentado por Raquel Fernández e dirixido por Francisco Rodil, conta con historias e imaxes da Galicia de hoxe, "unha Galicia real, na que conviven os galegos aquí afincados desde sempre, cos retornados da emigración e os inmigrantes de distintos países e razas que veñen a buscar un futuro", indicou a canle autonómica.
'Cadernos do aire' contemplará tres seccións fixas. 'Taboleiro' dará a coñecer medidas da administración de interese para os galegos emigrantes (decretos, cursos, axudas, viaxes, bolsas educativas e outros); 'A Pegada do Indiano' incluirá pequenas reportaxes sobre as aportacións dos indianos ou patrimonio arquitectónico, artístico e cultural de Galicia; e 'Coñecer Galicia' realizará percorridos turísticos ou paisaxísticos para ensinar as vilas, lugares e comarcas.
Este novo magazine terá unha duración aproximada de 40 minutos e unha periodicidade semanal. O equipo do programa complétase con Ánxeles Balsa como realizadora, co cámara Quico Martínez, a produtora Carmen de Juan e os xornalistas Josefa Valiño e Xosé Manuel Orriols.