SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Feb. (EUROPA PRESS) -
Os estudantes que rematen os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC) poderán obter o Suplemento Europeo ao Título (SET), documento complementario ao título superior que engade información sobre a natureza dos estudos cursados, o seu nivel, contido e coñecementos alcanzados polo alumno. Así, a USC será a primeira universidade galega e das primeiras españolas que ofertan este servizo aos seus titulados.
O SET ten como obxectivo facilitar a terceiros información sobre os coñecementos e as capacidades adquiridas polos estudantes promovendo deste xeito a máis ampla mobilidade nacional e internacional dos titulados.
Neste documento, que terá tamén a consideración do 'Suplemento Europass' que facilita a formación e o traballo en Europa, inclúese tanto os estudos cursados polo alumno como a información da titulación e documentación sobre o sistema educativo español.
En próximas datas a USC procederá a entregar, previa solicitude, esta nova acreditación aos estudantes que rematasen as súas titulacións oficiais de primeiro e segundo ciclo con posterioridade a setembro de 2003. O SET, elaborado en español, galego e inglés, entregarase sen necesidade de agardar ao título impreso.
O Consello de Coordinación Universitaria, en cuxos grupos de traballo participou a USC, elaborou un modelo de referencia para todas as universidades dacordo coa documentación que cada unha delas lle aportaba.
Así, a de Santiago traballou durante case un ano para incorporar toda a información relevante das súas titulacións a este documento como a referida a accesos, saídas profesionais, principais campos de estudo de cada titulación así como aspectos complementarios que eventualmente necesitarían un empregador europeo para valorar as capacidades e coñecementos dos estudantes.
A solicitude de expedición do Suplemento ao Título pode solicitarse xa nas Unidades de Xestión Académica (UXA), conforme o modelo establecido polo Consello de Coordinación Universitaria.