A USC convoca 981 prazas de intercambio para cursar estudos en 48 Universidades españolas o vindeiro curso

Actualizado: jueves, 16 febrero 2006 20:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago convoca un total de 981 prazas de intercambio para que os seus alumnos cursen estudos o vindeiro curso en 48 universidades españolas. O prazo de presentación das solicitudes para esta nova convocatoria das bolsas 'Sicue' remata o 1 de marzo.

O obxecto da convocatoria é potenciar a mobilidade estudantil dos alumnos da USC con outras universidades españolas. Deste xeito, os universitarios poden realizar noutra universidade do Estado unha parte dos seus estudos con garantías de recoñecemento académico e de aproveitamento, así como de adecuación ao seu perfil curricular. 'Sicue' ten en conta o valor formativo do intercambio ao facer posible que o estudante experimente sistemas docentes distintos, incluídos o réxime de prácticas así como os distintos aspectos sociais e culturais doutras autonomías.

Para optar a estas bolsas os candidatos deben estar matriculados na USC e ter superados nunha titulación de ciclo curto un mínimo de 30 créditos e atoparse matriculado en 30 máis, ou ben nun mínimo de 90 créditos e matrícula en 30 máis no caso das de ciclo longo.

Pola súa banda, nos planos non renovados deberán ter superado como mínimo a metade das materias do primeiro curso en titulacións curtas e o equivalente a un curso e medio nas de ciclo longo e estar asemade matriculado en non menos da metade de materias equivalente a un curso académico.

A praza de mobilidade 'Sicue' non dará lugar ao aproveitamento de axuda económica aínda que os estudantes si poderán optar a unha bolsa 'Séneca' sempre que a nota media do seu expediente académico acumulado sexa igual ou superior a 1,5 puntos en todas as titulacións, salvo nas ensinanzas técnicas que será de 1,2, e que a estanza teña unha duración de tres, catro, seis ou nove meses estando a súa vixencia comprendida entre o 1 de outubro de 2005 e o 30 xuño de 2006.