A USC homenaxeará mañá en Santiago aos mellores estudantes nas Probas de Acceso á Universidade 2006

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 6 julio 2006 19:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA 6 Jul. (EUROPA PRESS) -

O reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, presidirá mañá venres 7 de xullo o acto homenaxe que a institución académica compostelana organiza en recoñecemento aos mellores estudantes de Centros de Ensino Medio de Galicia nas Probas de Acceso á Universidade (PAAU) correspondentes a este ano 2006.

O acto celebrarase a partir das 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina coa presenza, ademais, do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; o vicedecano da Facultade de Medicina, Joaquín Lado Abeal; a ex vicerreitora de Estudantes, Elena Vázquez Cendón; o director da Cátedra Astra-Zéneca, José Ramón González Juanatey; o presidente da CIUG, Manuel Bermejo Patiño; e o coordinador do Programa 'A Ponte', Luis Hervella Torrón.

A sesión abrirase coa intervención dos estudante Juan Trastoy Quintela, do CPR Manuel Peleteiro de Santiago, e Sara A. González Porto, do IES Castro Alobre de Vilagarcía. Seguiranlle na quenda de intervencións o director do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, José Luis Díaz Leyes. Logo da entrega de diplomas aos futuros universitarios, o reitor pronunciará un discurso co que rematará o acto.

Na convocatoria das PAAU do presente ano 2006 foron 261 os estudantes que acadaron unha cualificación de nove ou superior, 120 da provincia de A Coruña, 85 de centros de Pontevedra, 31 de Ourense e 24 de Lugo.

Contenido patrocinado