A Xunta achega máis dun millón de euros para a mellora e alongamento da estrada de Ordes a Cerceda por Virís

Actualizado: martes, 14 febrero 2006 17:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, achegará algo máis de un millón de euros para a execución da mellora e alongamento da estrada de Ordes a Cerceda por Virís, unha actuación considerada prioritaria de cara á implantación de novos proxectos empresariais na zona.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o alcalde de Cerceda, José García Liñares, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento destas obras no devandito municipio coruñés. O acordo que regula a execución desta actuación prolongará a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2007 e as achegas realizaranse con cargo ós orzamentos da consellería para os anos 2005, 2006 e 2007.

A necesidade de diversificar industrialmente o concello de Cerceda para minimizar os efectos da paulatina redución da actividade mineira impulsou a creación do polígono de Acevedo, que dada a súa boa acollida está a ser ampliado nestes momentos. Para contribuír a implantación de novos proxectos empresariais leváronse a cabo unha serie de proxectos de urbanización, entre os que se considera de vital importancia a mellora e alargamento da estrada de Ordes a Cerceda por Virís.