A CORUÑA 21 Mar. (EUROPA PRESS) -
O director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel Fernández, comprometeuse hoxe a estudiar a creación dun laboratorio de ideas e desenvolvemento de proxectos audiovisuais de Galicia, atendendo a demanda plantexada pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA). Entre as súas funcións, estaría a análise de guións.
Manuel Fernández asistiu hoxe, no Centro Mans da Coruña, a presentación do DVD Crea 2006, un catálogo audiovisual e interactivo editado pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, recentemente constituida, para dar a coñecer o seu traballo. O acto contou tamén coa presencia da presidenta do Centro Mans, Rosalía Mera.
O DVD ofrece información completa sobre as traxectorias de 43 dos 45 realizadores e directores galegos asociados a CREA. Nel, se inclúe a súa biografía, filmografía, formación, premios e recoñecementos, así como máis de dúas horas de video con fragmentos das súas obras máis representativas e material gráfico con fotos de rodaxes, fotogramas e carteis.
Este DVD pretende ser a presentación en sociedade da Asociación, presidida por Héctor Carré. Tamén ten finalidades laborais, para que os productores podan acceder a información completa e actualizada, de divulgación e de promoción pública do sector audiovisual galego .
FOMENTAR A PRODUCION
A Asociación reúne o 95 por cento dos directores e realizadores de Galicia e, segundo o seu presidente, pretende defender os intereses deste colectivo e fomentar a produción do sector audiovisual galego.
Para o presidente de CREA, chegou o momento de que o sector audiovisual galego "dé un paso máis" para crear unha imaxe da produción que se fai en Galicia , razón pola que a Asociación editou o DVD.
Héctor Carré demandou tamén o apoio das administracións e da industria audiovisual ás iniciativas que xurden en Galicia e destacou o traballo dos directores e realizadores galegos. Así, recordou que os asociados de CREA son autores de máis de 25 longametraxes, 700 programas e capítulos de televisión e cortos, entre outros proxectos.