SANTIAGO DE COMPOSTELA 26 Mar. (EUROPA PRESS) -
O material formativo do programa Audiovisual nas Aulas está dispoñible na rede, co obxectivo de que poida ser utilizado como ferramenta didáctica polo profesorado que o desexe, segundo informou hoxe a Xunta nun comunicado. Trátase do material de apoio que reciben os alumnos nas tres primeiras fases desde proxecto educativo, que se está a desenvolver en colexios galegos.
A iniciativa, promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Comunicación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conta con tres módulos: iniciación ao audiovisual, á animación e á televisión.
As unidades didácticas facilítanse individualmente a cada alumno participante no proxecto Audiovisual nas Aulas que se está a desenvolver en 60 centros de toda Galicia como plan experimental dende o curso 2003-2004.
As unidades didácticas foron realizadas por un equipo coordinado por Miguel Vázquez Freire, no que colaboran especialistas como Chema Aguilera, Tino Santiago, Rosario Belda, Rubén López e historiadores como Xosé Nogueira, José Luis Castro de Paz, Eduardo Galán, Jaime Pena, entre outros.
Ademáis, de cara ao curso 2006-2007 están a prepararse as correspondentes a Multimedia e Novas Tecnoloxías, que tamén estarán dispoñibles na rede no seu momento.