Caamaño alerta de que os galegos terán que adquirir os seus fármacos "en Asturias ou León"

Francisco Caamaño
REUTERS
Actualizado: sábado, 20 noviembre 2010 18:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, alertou este sábado de que os galegos terán que desprazarse a "Asturias ou León" para adquirir os seus medicamentos gratuítos porque a Xunta "non os dará" unha vez aprobado o novo catálogo de fármacos propio que impulsou o PP dende o Parlamento autonómico.

Ante un millar de cargos e militantes socialistas, o ministro de Cee (A Coruña), que pronunciou o seu discurso de clausura da Convención Municipal do PSdeG integramente en galego, denunciou que a Xunta "parece descoñecer os elementos básicos de igualdade entre todos os cidadáns". "¿Como é posible que haxa que ir buscar medicamentos gratis a Asturias ou León porque Galicia non os dá?", censurou.

Dito isto, preguntouse "qué entendemento da igualdade é este" e rebateu tamén a reivindicación da Xunta da súa "soberanía" para tomar decisións. "¡Menos soberanía e máis Estatuto de Autonomía!", exhortou, tras poñer de relevo que outros, como Andalucía e Cataluña, xa o teñen.

"Incrementa as competencias, asegura a nosa identidade como poboo dentro da realidade de España e dignifica as nosas institucións despois de 30 anos de democracia", argumentou Caamaño.

A maiores, na súa intervención na clausura do acto, a titular de Sanidade, Leire Pajín, tamén fixo mención á proposta de catálogo, ao reivindicar que o Goberno busca que "un cidadán, viva onde viva, teña dereito ás mesmas prestacións". "En todos os ámbitos, tamén en Sanidade, Pachi, e no acceso a medicamentos", proclamou a xeito de aceno os seus compañeiros de partido en Galicia.