As granxas dixitais evitan intermediarios e logran unha remuneración xusta ao produtor e calidade ao comprador

Actualizado: martes, 11 noviembre 2008 14:38

Esta interacción entre mundo urbano e rural impulsa o agroturismo con desprazamentos ao campo a coñecer 'in situ' esta actividade

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Nov. (EUROPA PRESS) -

As granxas dixitais, impulsadas por un grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Dirección Xeral de I+D+i, permiten evitar os intermediarios e conseguen que o produtor reciba unha remuneración xusta e o comprador unha calidade acreditada.

Así o explicou a Europa Press o director xeral de I+D+i da Xunta, Salustiano Mato, quen -no marco da Semana da Ciencia- expuxo esta iniciativa dun xeito divertido aos nenos dun colexio de primaria de Santiago de Compostela.

Salustiano Mato destacou que con esta iniciativa se busca, "coa axuda das novas tecnoloxías, a interacción entre o mundo urbano e o rural,", de maneira que "empecen a recuperarse os costumes de comercio directo", na liña de comercio xusto". "Os granxeiros a través de novas tecnoloxías poden negociar e vender os seus produtos directamente a particulares", apuntou.

Pola súa banda, Carlos Ferrás, investigación principal deste proxecto, destacou que esta experiencia, que comezou cun proxecto piloto na área rural de influencia de Santiago de Compostela, está a obter "resultados extraordinarios" e mesmo está a fomentar que familias visiten as granxas e coñezan 'in situ' como se traballa.

Así, subliñou que, ademais da venda directa a través da web granxafamiliar.com, este proxecto está a impulsar "o agroturismo" a partir de programa de ocio para nenos e visitantes. "O fin é establecer unha ponte de coñecemento entre cidade e campo", incidiu.

DISTRIBUCION A TODA ESPAÑA

En canto á distribución, Carlos Ferrás expuxo que existen varias modalidades, pois se pode realizar servir o produto "nun servizo urxente para que en 24 horas estea en calquera punto de España, o propio comprador pode ir á granxa e tamén o produtor reparte unha vez por semana nunha área determinada grazas a unha loxística e grupo de clientes que a USC lle vai facilitando".

Este investigador sinalou que esta sistema está funcionando moi ben con particulares e avanzou que, nunha segunda fase, o obxectivo é perfeccionalo para servir a grandes clientes.

Pola súa banda, Salustiano Mato subliñou que un dos obxectivos da Semana da Ciencia é que os máis pequenos "visualicen o lado máis divertido da ciencia e a tecnoloxía e que se decaten de que hai moitas formas de aprender e a de facelo divertíndose é a máis eficiente". "E que a ciencia é divertida", concluíu.