Caixa Galicia implanta un sistema de recoñecemento de voz en galego para operacións e consultas financeiras

Actualizado: martes, 13 mayo 2008 16:08

A CORUÑA, 13 May. (EUROPA PRESS) -

Os clientes de Caixa Galicia poderán realizar consultas e operacións por teléfono a través dunha máquina que recoñecerá a súa voz en lingua galega, grazas a un proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia, segundo anunciou hoxe a entidade bancaria.

Ademais do banco e a Administración autonómica, colaboraron no desenvolvemento do programa a empresa tecnolóxica Tecnocom, a compañía especializada en servizos telefónicos Loquendo, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo e o Instituto de Lingua Galega.

Caixa Galicia iniciou este proxecto en 2007 para incorporar a lingua galega este sistema, que xa está dispoñible en idiomas como o castelán ou o catalán, e que se aplicará por fases dada a súa complexidade.

SALDO, MOVEMENTOS E MÓBIL.

Dende o pasado 5 de maio, os clientes da caixa de aforros poden consultar o saldo e os movementos das tarxetas así como a recarga dos teléfonos móbiles a través dun sistema automático. En xuño, aplicarase esta tecnoloxía ao conxunto da banca telefónica de Caixa Galicia e en setembro implantarase o servizo en galego para todas as operacións.

Segundo explicou o subdirector de Tecnoloxía de Caixa Galicia, Fernando Pereira, o proxecto componse de dúas partes, o TTS e o ASR. A primeira é un sistema para a conversión do texto --en galego-- en voz e a segunda é unha ferramenta para o recoñecemento da voz a través dun sistema de unidades fonéticas seleccionadas segundo criterios estatísticos e acústicos.

Grazas ao desenvolvemento desta iniciativa, outras empresas ou organismos poderán adquirila para o seu emprego en páxinas web, portais de voz ou GPS, entre outras cousas. "O bonito é que todas as institucións galegas se poidan beneficiar disto", sinalou o director da Banca Virtual Caixa Galicia, Marcelino Fernández Mallo

Pola súa parte, a subdirectora xeral de Xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Pgidit), Xulia Guntín, destacou o "dobre valor" do proxecto presentado pola "implantación das novas tecnoloxías en Galicia e nos sectores como a banca ou a Administración Pública" e por "poñer en valor o uso do galego e implantalo en todos os ámbitos".