Un dicionario en galego recollerá termos e definicións das TIC e da Sociedade da Información

Actualizado: martes, 13 mayo 2008 19:31

Máis de 30 expertos traballarán durante tres anos neste proxecto para reverter a "escasa" presenza do galego nas tecnoloxías

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 May. (EUROPA PRESS) -

Un dicionario enciclopédico en galego recollerá todos os termos e definicións conceptuais que expresen o amplo universo da Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e da Sociedade da Información en Galicia.

A iniciativa está impulsada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial, da Consellería de Innovación e Industria; coa Universidade de Vigo, a través da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións, e coa Real Academia Galega (RAG).

Este proxecto deuse a coñecer hoxe nun acto en Santiago e que se presenta con motivo da celebración o próximo sábado 17 de maio do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008, e do Día dás Letras Galegas.

Precisamente, o presidente do comité da dirección do dicionario, Xavier Alcalá, explicou que o obxectivo principal do proxecto é "conectar" a lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Alcalá aproveitou a súa intervención para adiantar os primeiros resultados do proxecto --que se puxo en marcha hai medio ano e que espera ser publicado dentro de tres-- e para defender a "obriga especial na corrección e na economía dos termos", xa que interpretou que o código "fundamental" para os humanos é a fala.

MÁIS DE 30 EXPERTOS.

Pola súa banda, o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, explicou que este proxecto, no que traballan máis de 30 expertos, nace coa vocación de converterse nun compendio documental de "referencia".

Nesta liña, indicou que responde aos intereses do colexio profesional para que as comunidades profesionais, tecnolóxicas e empresariais, así como alumnos e profesores dispoñan dunha ferramentas lingüísticas para entender --"en lingua propia-- os conceptos que definen as TIC de Galicia.

ESCASA PRESENZA DO GALEGO.

Neste sentido, o secretario xeral do COETG, Ramón Maria Lois, criticou, na súa intervención, que no mundo das tecnoloxías da información hai unha "escasa" presenza do galego, polo que admitiu que con esta iniciativa aspiran a potenciar o seu uso e a que cambie a situación con este primeiro dicionario.

Ao respecto, a profesora de filoloxía galego-portuguesa da Universidade da Coruña, Pilar García Negro, reflexionou sobre o futuro da lingua galega na era dixital e explicou que tanto a fala como o idioma están nun proceso "inacabado", xa que, seguen existindo conflitos lingüísticos e de normalización, porque a "lingua é ubicua e non sectorial".

Finalmente, a directora xeral de Promoción Industrial, Helena Veiguela, apoiou a posta en marcha deste tipo de proxectos que supoñen un "esforzo" por poder utilizar as TIC en ámbitos "non centralizados".