A experta en computación Frances E. Allen estará este mes en Santiago, dentro do Programa ConCiencia 2008

GSerá a primeira muller que participe neste programa de divulgación científica que propia contactos con premios Nobel ou similares

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 14 octubre 2008 15:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Oct. (EUROPA PRESS) -

A experta en Ciencias da Computación Frances E. Allen, Premio Turin 2006, estará na última semana de outubro, en torno ao día 28, en Santiago de Compostela, dentro do Programa ConCiencia 2008. Será a primeira muller que participe neste programa de divulgación científica que propia contactos con premios Nobel ou galardóns similares noutras disciplinas.

Este programa, que chega á súa terceira edición, está organizado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Fundación Caixa Galicia. Xunto á Frances E. Allen, no ConCiencia 2008 participarán ao longo do último trimestre do ano, os premios Nobel Karl Barry Sharpless (Química en 2001) e Gerardus 't Hooft (Física en 1999), que se suman á visita que xa realizou o pasado maio o Nobel de Medicina en 1989 Harold Varmus.

O coordinador deste programa e profesor da USC, Jorge Mira, destacou que estes científicos e investigadores son "xenios" e "eruditos" nas súas disciplinas, ao tempo que recordou que acoden á capital galega para ofrecer unha conferencia e divulgativa e manter diversas reunións con investigadores de Santiago e de Galicia.

Mira recordou o interese do Programa ConCiencia por contribuír a "reforzar o papel da muller na ciencia" e por poder invitar a participar nesta iniciativa a mulleres referentes neste ámbito. Non obstante, expuxo a "dificultade" de poder facelo, xa que na actualidade só hai tres mulleres vivas e que por idade poden participar nesta iniciativa, sen sumar á que proximamente recibirá un dos Nobel de 2008.

PIONEIRA NA COMPUTACIÓN

Neste contexto enmarcou a próxima presenza en Santiago de Compostela da estadounidense Frances E. Allen, da que dixo foi recoñecida co Turing 2006, premio equivalente ao Nobel no ámbito das Ciencias da Computación, "polas súas contribucións pioneiras na teoría e práctica da optimización automática de compiladores".

Segundo o profesor Mira, os traballos desta investigadora estadounidense, que colabora con IBM Thomas Watson Reserarch Center, serviron para "mellorar fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento".

Así mesmo, recordou que Allen é "unha loitadora pola igualdade de xénero na ciencia". O coordinador de ConCiencia cualificou de "significativa" a presenza desta experta e avanzou que xa se iniciaron contactos con grupos de Mulleres e Ciencia existentes tanto en Xunta coma en USC co fin de propiciar o intercambio de experiencias con esta convidada.

MODELOS E CREADORES DE REDES

Na presentación hoxe, na capital galega, dos próximos actos do Programa Conciencia, tamén participaron o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, o reitor da USC, Senén Barro, o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias.

Precisamente, o representante da Fundación Caixa Galicia destacou o interese desta entidade por participar nun programa de divulgación científica no que, "máis alá da anécdota, o esencial é que todos --os participantes-- teñen unha condición de modelo e referentes sociais".

García Iglesias destacou que o Programa ConCiencia é "unha idea brillante" e que está a propiciar que Galicia e, en concreto, as súas universidades e, especificamente, a USC, poidan establecer "un mundo de relacións" que permiten "vínculos cos mellores centros de investigación de todo o mundo".

Pola súa banda, tanto o presidente do Consorcio de Santiago como o reitor da USC coincidiron en resaltar a "satisfacción" polo "éxito" logrado con esta iniciativa de divulgación científica. Senén Barro incidiu na implicación de distintas institucións neste programa e no feito de que "deixa pouso" na cidade de Santiago e na rede de relacións institucionais, persoais e de investigación que está a propiciar.

Así mesmo, Sánchez Bugallo resaltou que é "o mellor programa de Galicia" en canto a divulgación científica, o que relacionou co "peso" que teñen tanto a cidade de Santiago como a USC e co traballo realizado por Mira. Tamén recordou que vinculado ao ConCiencia se creou o Premio Fonseca, que na súa primeira edición recoñeceu o traballo divulgador do científico Stephen Hawking.

A MULLER NA CIENCIA

En canto á presenza das mulleres na ciencia, o reitor compostelano recordou que USC, onde dous de cada tres estudantes son mulleres, é a universidade de España con maior porcentaxe de alumnas. Recordou que as mulleres "poden demostrar a súa valía" en calquera ámbito e desexou que o contacto cos convidados no ConCiencia, xa sexa homes ou mulleres, permita "consolidar vocación", que no caso da USC poden ser na súa maioría de mulleres.

Ao respecto, o alcalde da capital galega advertiu que na actualidade somos "testemuñas presenciais" dunha evolución na maior presenza da muller no ámbito universitario e tamén científico. Por iso, apelou a "unha visión máis optimista" e augurou que haberá un cambio máis evidente nos últimos 30 anos.

Contenido patrocinado