Feuga e Aenor colaborarán para afianzar a investigación e innovación nas empresas galegas

Actualizado: lunes, 21 abril 2008 19:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Empresa-Universidade Galega Feuga e a Asociación Española de Normalización e Certificación Aenor colaborarán para afianzar a investigación e innovación tecnolóxica nas empresas galegas.

Así o recolle un convenio asinado hoxe polo director xeral de Feuga, Javier López Martínez, e o director da delegación de Aenor Galicia, Martín Pita López, coincidindo coa celebración da primeira xornada do curso Fiscalidade e xestión de proxectos de I+D+i, que imparten expertos de AenorFormación na sede da fundación dende ata o mércores 23.

A cooperación enmárcase dentro da área de Formación Profesional e Empresarial de Feuga co desenvolvemento inicial de cursos sobre a rendibilidade da I+D+i para a pyme, coa intención de que os participantes poidan obter os coñecementos necesarios para optimizar os procesos de investigación e innovación, adquirir as habilidades necesarias para levar a cabo a auditoría dun sistema de I+D+i, maximizar a obtención de beneficios fiscais e tirar proveito dos beneficios da vixilancia tecnolóxica a través da posta en valor da información obtida.

Coas xornadas postas en marcha preténdese trasladar ás empresas galegas todo o coñecemento sobre as vantaxes do novo marco fiscal, así como os mecanismos necesarios para maximizar e asegurar a desgravación fiscal aplicable aos proxectos de investigación e innovación tecnolóxica considerados na Lei de Impostos de Sociedades.

O curso Fiscalidade e xestión de proxectos de I+D+I permite, segundo explicou a organización, á vintena de directivos asistentes manexar as vantaxes do actual marco fiscal por facer investigación, analizando os diferentes tipos de exención fiscal á I+D e á innovación tecnolóxica.

No caso da I+D a Administración prima o maior risco dos proxectos, favorecendo os mesmos con deducións fiscais a un tipo xeral do 27,6%, podendo chegar ata o 46% de dedución máxima sobre o gasto total do proxecto. No caso de innovación tecnolóxica, a empresa pódese acoller a un tipo de dedución xeral do 9,2%., podendo alcanzar un 13,8% en caso de colaboración coas universidades e organizacións públicas de I+D.

O interese de ambas as dúas institucións en iniciar accións comúns en materia formativa persegue, segundo destacaron, "dotar a empresa dos mecanismos de xestión e coñecementos necesarios para reforzar a investigación e a innovación tecnolóxica no seu seo". Neste sentido, Feuga e Aenor primarán "as actividades de interese" para o desenvolvemento das empresas e "a mellora das capacidades profesionais, con vista ao incremento da competitividade".