Galicia súmase á Semana da Ciencia con máis de 100 actividades para "espertar vocación científicas"

Actualizado: martes, 4 noviembre 2008 18:26

Un cabaré científico buscará concienciar a sociedade de problemas como o cambio climático a través da parodia e a irreverencia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Nov. (EUROPA PRESS) -

A comunidade galega sumarase un ano máis á celebración da Semana da Ciencia, que terá lugar entre o 10 e o 23 de novembro, cun total de 106 actividades diferentes de divulgación científica dirixidas sobre todo aos máis novos co afán de "espertar vocación científicas".

O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, foi o encargado de presentar o programa de actividades da Semana da Ciencia, cita de referencia no ámbito europeo que se celebra anualmente para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade.

Nesta ocasión, a temática central son as Ciencias da Terra, dado que este 2008 foi declarado Ano Internacional do Planeta Terra pola Unesco. Non obstante, a temática é diversa e tratará tamén ámbitos como a arqueoloxía, a robótica, a astronomía ou as matemáticas.

Durante os días de celebración, 62 entidades, dende organismos de investigación a empresas e concellos, intentarán achegar á sociedade de forma "amena e accesible" como a ciencia e a tecnoloxía están presentes na vida cotiá. "Queremos que a xente saiba que sen a ciencia e a tecnoloxía non se pode alcanzar benestar", expuxo o director xeral.

A oferta de actividades, 106 en total que se desenvolverán en 155 ocasións, crece este ano un 55 por cento respecto á edición anterior. Deste modo, cafés científicos, teatro, xornadas de portas abertas ou exposicións desenvolveranse por toda a xeografía galega.

Aínda que os actos terán lugar de forma maioritaria na provincia da Coruña, Mato destacou que se ampliara a cobertura territorial deste evento, que "xa non se reduce só ás grandes cidades".

SOS PLANETA TERRA

Entre as ofertas da Semana da Ciencia, destaca o cabaré científico 'SOS Planeta Terra', unha representación escénica que combina varias expresións artísticas arredor da ciencia. Segundo explicou Xesús Ron, membro do grupo de teatro Teatro Chévere --encargado da produción e representación da obra--, o espectáculo baséase na ultranoite, un formato que desenvolve Galicia dende 1992.

Así, será un cabaré híbrido con artistas de diversas disciplinas, como teatro, música, danza, maxia, malabares ou video. Sobre o escenario sucederanse todo tipo de números para comunicar ao público temas preocupantes como o quentamento global, a reciclaxe, as enerxías renovables, o cambio climático, a escaseza de auga ou a pegada ecolóxica.

A parodia e a irreverencia serán eixes do espectáculo, no que o Doutor House da coñecida serie norteamericana se transformará en 'Doutor Chalé' e Al Gore en 'Ao Goretex'. O cabaré científico estrearase na Sala Nasa de Santiago o próximo día 6 e ata o 5 de decembro percorrerá Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo. A xira terá continuidade en catro cidades asturianas.

A Semana da Ciencia está coordinada pola Consellería de Innovación, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal. O presuposto invertido polo departamento autonómico rolda os 800.000 euros.