Igalia investiga a aplicación do software libre en dispositivos móbiles para crear servizos "máis completos"

Actualizado: sábado, 30 agosto 2008 15:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Ago. (EUROPA PRESS) -

A empresa de enxeñaría informática Igalia leva a cabo un proxecto de investigación orientado á mellora dos servizos para os usuarios de dispositivos móbiles a través da aplicación de software libre. O obxectivo é ofrecer servizos "máis completos" entre os que se inclúen o navegador web, o xestor de correo e as aplicacións multimedia.

Segundo informou hoxe a Consellería de Innovación e Industria, o departamento autonómico colaborará neste proxecto a través do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (Incite), cun total de 56.250 euros.

O proxecto ten unha importancia "especial" para Galicia, segundo explican os seus responsables, xa que pola súa organización territorial e demográfica require solucións de comunicación baseadas nas redes inarámicas e nos dispositivos móbiles.

En concreto, o proxecto usa como base a tecnoloxía Gnome/Maemo, unha plataforma ou conxunto de programas para dispositivos móbiles baseados en software libre. Os resultados terán unha aplicabilidade "máis ampla" e "poderán reutilizarse" noutro tipo de dispositivos grazas á plataforma Gnome.

OBXECTIVOS

Nesta liña, Igalia centrouse en tres ámbitos de traballo. En primeiro lugar investigou sobre a plataforma de desenvolvemento xeral, cun traballo baseado na creación e a adaptación de bibliotecas reutilizables, é dicir, de fragmentos de software que poderán ser adaptados e integrados por terceiros no desenvolvemento de diversas aplicacións.

Por outra banda, a empresa pretende adaptar as aplicacións ao usuario e pensadas para funcionar nun ámbito móbil, como son o navegador, o cliente de correo e as ferramentas multimedia, para as que Igalia está a traballar con aplicacións propias, como o software Vagalume.

Finalmente, como terceiro obxectivo a investigación proporá novas ferramentas de enxeñaría que se engadirán aos resultados do proxecto. Así, todas as liñas de traballo se desenvolverán en colaboración con empresas e grupos de usuarios que teñen as mesmas necesidades.

"NOVAS VÍAS DE NEGOCIO"

Segundo asegurou o investigador de Igalia Alejandro García Castro, con esta investigación se "abren novas vías de negocio" para empresas con capacidade tecnolóxica e a "posibilidade de exportar" o coñecemento galego no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Ademais, os responsables do proxecto consideran que este traballo é un "paso adiante" para entrar a colaborar na industria do hardware e para traer coñecemento ás empresas galegas do sector. En Galicia "poderían fabricarse dispositivos coas características máis axeitadas ao contexto" da Comunidade, engadiu o co fundador de Igalia Juan José Sánchez Penas.