Máis de 700 escolares da área de Vigo coñecerán a I+D+i mediante visitas teatralizadas a centros tecnolóxicos

Actualizado: miércoles, 5 noviembre 2008 17:57

Os participantes accederán á actividade innovadora nos sectores metalúrxico, de automoción e de produtos do mar

VIGO, 5 Nov. (EUROPA PRESS) -

Máis de 700 alumnos de centros escolares da área de Vigo de entre 14 e 17 anos coñecerán que é o a I+D+I a través do xénero dramático, mediante a iniciativa 'Innoescena' que incluirá unha representación así como visitas guiadas aos centros tecnolóxicos Aimen, do sector metalúrxico; Anfaco-Cecopesca, dedicado aos produtos do mar; e CTAG, da automoción.

A iniciativa, organizada pola Fundación Innovapyme, foi presentada hoxe co obxectivo de achegar aos mozos á actividade innovadora e, polo tanto, que a sociedade "saiba coñecer e recoñecer" a actividade dos centros tecnolóxicos así como valorar o impacto desta actividade científica "sobre a vida cotiá" segundo explicou a subdirectora xeral de xestión do Plan Galego de I+D+I, Xulia Guntín.

Guntín explicou que a iniciativa, enmarcada dentro das actividades con motivo da Semana da Ciencia, incluirá unha representación teatral o próximo 10 de novembro no Centro Cultural Caixanova de Vigo. Ademais, entre o 11 e o 14 de novembro realizaranse "visitas teatralizadas" aos tres centros tecnolóxicos.

Así, no laboratorio da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos, Anfaco-Cecopesca, o alumnado visitará os laboratorios de toxinas e de embalaxes, así como a área de valorización de produtos do mar. Na Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, Aimen, coñecerán o láser e as técnicas de soldadura.

Finalmente, no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, visitarán os laboratorios de ensaios e de dummies, a sala de control do simulador e a catapulta inversa.

INNOVACIÓN "POSIBLE"

O presidente da Fundación Innovapyme e presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, destacou a iniciativa como unha "magnífica idea", algo co que tamén coincidiu o presidente de Aimen, quen confiou no "éxito" dunha iniciativa que pretende incorporar na innovación nun extracto social que, nun futuro, "se encargará da toma de decisións".

Pola súa banda, o representante de Anfaco Carlos Ruíz avogou porque a iniciativa sirva para transmitir que a innovación "é posible" e é "de todos", mentres que o director de Desenvolvemento de Caixanova, Carlos Palleiro, recordou que a implantación da cultura innovadora "non é tan doada" como aparenta.

A iniciativa, organizada por Innovapyme, conta cunha subvención de 40.000 euros da Consellería de Innovación e Industria. Ademais dos tres centros tecnolóxicos, entre os colaboradores tamén se atopa Caixanova.