Stephen Hawking visitará hoxe un tramo do Camiño de Santiago e recibirá o pergamiño de Visitante Ilustre

Actualizado: lunes, 22 septiembre 2008 8:31

O científico presentará o mércores en Santiago o seu último libro 'A clave secreta do universo' e recollerá o Premio Fonseca

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

O científico británico Stephen Hawking, recoñecido polos seus traballos sobre os buracos negros no universo e por ser un dos maiores divulgadores da ciencia na actualidade, realizará hoxe un pequeno tramo do Camiño de Santiago e o sábado recibirá tamén na capital de Galicia o Premio Fonseca 2008 na súa primeira edición.

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, destacou nos últimos días esta importante visita, que recoñeceu está coordinada desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC), pero que responde ao patrocinio do Consorcio de Santiago tanto no Premio Fonseca como no Programa Conciencia.

Así, a axenda de Hawking comezará hoxe, ás 16.30 horas, cando se desprazará ata o Parque de San Lázaro, situado á beira do Palacio de Congresos, e descubrirá unha placa conmemorativa da súa visita. Este acto estará presidido polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

A continuación, sobre as 17.30 horas, o rexedor recibirá a Stephen Hawking no centro da Praza do Obradoiro, punto de culminación do Camiño de Santiago. Como culmen desta singular peregrinación, Sánchez Bugallo entregaralle entón o pergamiño que acredita ao científico como Visitante Ilustre da Cidade. Para finalizar a xornada, está prevista unha visita á Catedral de Santiago.

O mércores, tras comparecer en rolda de prensa, o científico manterá un encontro e charla con investigadores da Universidade de Santiago (USC) na Facultade de Física.

Ademais, o venres, día 26, está programada a presentación en España do seu último libro 'La clave secreta del univeso' nun acto no Instituto Rosalía de Castro, onde aproveitará para falar tamén da publicación de 'Brevísima historia del tiempo', presentada xa no 25 aniversario dos Premios Príncipe de Asturias.

"EXCEPCIONAL MESTRÍA"

Stephen Hawking recibirá finalmente o Premio Fonseca 2008 o sábado día 27 á 18.30 horas no transcurso dunha cerimonia que levará a cabo no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, durante a que impartirá unha conferencia o propio científico.

O xurado recoñeceu no mes de xuño a "excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no bordo último da comprensión do universo", combinada coa "máis alta excelencia científica".

Hawking, nacido en 1942 en Oxford, ocupa desde os seus 37 anos a soada cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge, que, fundada en 1663, foi ocupada, entre outros, por Isaac Newton e o Premio Nobel de Física Paul Dirac.

Aos 21 anos de idade foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) que lle dexenerou de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dun das súas pálpebras.